Site icon Crónica3.com A Mariña

Christian: ‘Houbo unha parte para cada equipo’

christian-elpozo13Un dos grandes protagonistas do derbi lucense foi o viveirense Christian Chao. O ala laranxa, do que soan rumores dunha posible convocatoria da Selección de Chile debido á súa ascendencia materna, selou dobrete nun rifado e emocionante empate 3-3 ante o Azkar Lugo FS que cualificou de xusto, aínda que con certos matices: “Creo que houbo unha parte para cada equipo. O Azkar entrou máis forte, foi superior na primeira parte e dispuxo de ocasións para ampliar as distancias. Con todo, na segunda parte igualouse o encontro e nós soubemos ir a máis”.

O mariñán mostrouse pletórico pola súa contribución do primeiro e terceiro tantos, custodiando o segundo de Matamoros. “Estou moi contento, tiven a sorte de axudar o equipo con dous goles, aínda que é unha pena que só sirvan para sumar un punto” confesaba Christian, aínda cunha pequena espiña cravada por non dispoñer de algo máis de tempo para facerse co partido. “Fomos de menos a máis. Estou seguro de que conseguiriamos os tres puntos se o partido durase un pouco máis” sentenciaba o burelista.

Christian volve ao traballo con moitas ganas para prepararse para a dura fazaña que se aveciña. “Achégase unha semana dura, con tres citas en tan só sete días. O sábado recibiremos na casa a Manacor, un rival dos de abaixo do que debemos sacar renda e máis sendo en Vista Alegre. Tamén estamos obrigados a facer os deberes en Zaragoza, o mércores 16; é un equipo onde tamén houbo cambios. Dous bos resultados nestes compromisos darían moita tranquilidade e motivación para recibir o FC Barcelona na sétima xornada, o 19”, concluía o xogador laranxa.

Exit mobile version