Site icon Crónica3.com A Mariña

Comezaron as obras de mellora do casco urbano de San Cosme de Barreiros cun investimento de 38.000 euros

221013  Foto obra BarreirosBarreiros, 22 de outubro de 2013. Comezaron as obras de mellora do casco urbano de San Cosme coa canalización dunha liña de media tensión, a substitución da traída da auga e do saneamento e a renovación da beirarrúa. A inversión ascende a 38.000 euros, procedentes dunha subvención da Xunta, segundo daba a coñecer hoxe o alcalde, Alfonso Fuente Parga.

O rexedor explicou que “no día de onte iniciábamos as obras aquí, en Barreiros, para canalizar unha liña de media tensión de forma que eses cables que están grampados polas casas e que aparte de supoñer un prexuízo para os donos desas vivendas tamén xeraban un impacto visual. Hai que ir mellorando o casco urbano de San Cosme”.

Fuente Parga dixo que “esas obras iniciáronse cunha subvención da Xunta de Galicia de 38.000 euros. Esta obra terá un prazo de execución dun mes e aproveitándoa tamén vamos substituír a traída de auga e un saneamento que ten moitos anos, que estaba en tubo de cemento e vaise cambiar por tubo de PVC. E a traída de auga, que a día de hoxe está incluso por debaixo das vivendas en zonas privadas, vaise pasar a unha canalización dunha sección de 125 por debaixo da beirarrúa, en zona pública”.

O alcalde barreirense subliñou que “o obxectivo é mellorar eses servizos neste tramo, que é unha primeira fase no casco de San Cosme. Ao mesmo tempo tamén se vai renovar o pavimento da beirarrúa”.

Exit mobile version