Site icon Crónica3.com A Mariña

Comezaron as sondaxes xeotécnicas na parcela onde se construirá a residencia de maiores de Foz

Foz, 28 de outubro de 2013. Na parcela onde se construirá a residencia de maiores de Foz comezaron as sondaxes xeotécnicas. Anunciouno este luns o alcalde, Javier Jorge Castiñeira, quen visitou o lugar acompañado polo primeiro tenente de alcalde, Pedro Fernández Manín, e explicou que isto significa que o proxecto estará feito en novembro e as obras empezarán no verán de 2014.

“No día de hoxe na parcela do asilo de anciáns onde se vai construír a futura residencia de maiores de Foz estanse a realizar as sondaxes xeotécnicas por parte da empresa Enmacosa que serán a base do cálculo de estruturas do proxecto definitivo da residencia. Isto ten un significado importante para o grupo de goberno porque quere dicir que o proxecto estará redactado a finais do mes de novembro, que é como contratou o Consorcio Galego de Traballo e Benestar co arquitecto Guillermo Salgueiro Chao”, manifesto Javier Castiñeira.

O alcalde focense tamén deu a coñecer que “temos a certificación por parte da Consellería de Traballo e Benestar de que vai haber unha partida orzamentaria que vai superar os 500.000 euros para o inicio das obras xa no ano 2014. Polo tanto unha vez que saian os orzamentos do Consorcio Galego de Traballo e Benestar farase o prego de contratación da obra, a licitación e despois a adxudicación e contratación da empresa que vaia levar a cabo estes traballos. Isto significa que moi probablemente polo verán do ano 2014 estarán iniciándose xa os traballos de construción da residencia de anciáns de Foz”.

Para Castiñeira “isto é unha moi boa noticia, é un compromiso adquirido no seu momento por este grupo de goberno. Isto rematará cando esta residencia estea construída e equipada, pero é ben certo que hai un compromiso de que unha vez que se inicie a obra se remate cun prazo normal de execución e cando estea lista queremos que o equipamento se faga o antes posible. No equipo de goberno estamos moi contentos e á expectativa de que todo isto vaia seguindo o ritmo normal que se estableceu”.

O rexedor rematou agradecendo á Consellería de Traballo e Benestar “o seu compromiso con Foz nun momento de crise importante, porque se vai executar unha obra que superará os 2 millóns de euros e vai cubrir as necesidades xeriátricas que ten este concello, que sempre presumiu de ter unha cobertura de coidados aos maiores moi boas, co asilo de anciáns. Seguímolo tendo pero evidentemente fan falta unhas instalacións moito máis modernas e acordes cos tempos. E nese sentido é o que se está a tratar agora por parte do Concello e tamén da Consellería de Traballo e Benestar e o Consorcio Galego”.

Exit mobile version