Site icon Crónica3.com A Mariña

Compromiso por Galicia pide que non se aplique o copago para pacientes crónicos

Compromiso por Galicia pídelle ao Presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, que non aplique no noso País o copago para medicamentos que se dispensan nas farmacias hospitalarias para pacientes crónicos. Os galeguistas consideran que a austeridade de Feijóo convértese en maltrato para a cidadanía, mesmo para os colectivos máis vulnerables como son os pacientes crónicos.

Rocío López Pacio, coordinadora territorial de Compromiso, afirma que “se trata dunha medida que vai na línea doutras xa postas en marcha polos gobernos do PP, que ten como obxectivo recortar dereitos e prestacións aos cidadáns en servizos básicos como é a sanidade”. Isto tamén é froito, segundo a coordinadora territorial de Lugo, do seu “afán recaudatorio desmedido, xa que neste caso non vale a desculpa da racionalización, porque ninguén toma, por exemplo, unha medicación para combater unha hepatite C ou unha artrite reumatoide, senón as ten diagnosticadas”.

Compromiso por Galicia esíxelle a Feijóo que se poña do lado da cidadanía e non do Goberno do Estado, e ao igual que van facer outras Comunidades Autónomas, rexeite esta medida por inxusta, insolidaria e arbitraria e que polo tanto non a aplique en Galicia. Unha medida ademais, que segundo López Pacio, “ten unha complexidade importante para facela efectiva desde o punto de vista administrativo e técnico”.

Exit mobile version