Site icon Crónica3.com A Mariña

Continúa o ciclo das ‘Músicas Posíbeis’ co concerto de Najla Shami este domingo 3 de novembro

301013 Foto Najla ShamiRibadeo, 30 de outubro de 2013. Esta fin de semana a Concellaría de Cultura de Ribadeo segue coa súa programación do ciclo das Músicas Posíbeis, “unha aposta a favor da música de calidade, galega ou estranxeira, co denominador común de seren propostas pouco doadas de escoitar nos circuítos habituais mais cun público fiel que é quen de desprazarse desde outros lugares da Mariña ou mesmo máis lonxe para poder asistir aos concertos”.

Logo de recibir a visita do brasileiro Sérgio Tannus, colaborador habitual de Uxía; dos bretóns Liù; da grande revelación da música galega actual, Sés; chega agora a cantante galego-palestina Najla Shami, que actúa este domingo, 3 de novembro, ás 19.00 horas no Teatro, un espazo que o Concello está a utilizar cada vez máis. A entrada ao concerto será de 5 euros e reducirase a 3 euros para persoas desempregadas, xubiladas ou estudantes.

“Cunha sonoridade influenciada por estilos coma o jazz, funk, world music e a música galega, Najla Shami tráenos a súa proposta que percorre latitudes que van desde Galicia ata Brasil ou África. E tamén nos presentará algún tema da súa recente publicación Na lingua que eu falo, un traballo no que a compositora galego-palestina afonda na obra da escritora Rosalía de Castro”, engaden desde a Concellaría de Cultura.

Exit mobile version