Decisións como esta non son froito da casualidade, senon dun intenso traballo desenvolvido nos últimos meses, conscientes de que defendíamos unha reivindicación xusta e proporcionada e de que acudíamos ás institucións comunitarias cos deberes feitos, da man do sector, e co aval dunha acción conxunta dos profesionais e das administracións.
Fixeron os seus deberes os nosos pescadores e armadores, que foron quen de demostrar, no sen esforzo, que é posible unha xestión óptima deste recurso transformando unha pesqueiría que se atopaba fóra dos límites biolóxicos, ata levala á situación actual de record histórico por abundancia de biomasa, tras iniciar en 2005 un Plan de Recuperación.
Tamén fixeron os seus deberes os gobernos central e autonómico, que lonxe de estar desaparecidos como algúns pretenderon facer crer, viñan traballando intensamente de xeito coordinado, e xa o pasado mes de xullo o ministro Miguel Arias Cañete e o seu homólogo de Irlanda, dirixían unha carta reclamando á comisaria do ramo o aumento de cota, petición ratificada despois ante o Consello de Ministros da UE que tivo lugar o 17 de outubro, no que achegamos os novos datos científicos dispoñibles do CIEM.
E fixémolo, finalmente, no Partido Popular de Galicia cando tras promover sendas iniciativas de apoio á flota, entre os recelos da oposición, o 25 de setembro de 2013 estas frutificaban nun acordo unánime do Pleno do Parlamento de Galicia instando ás institucións europeas a autorizar este aumento de cota.
Sen lugar a dúbidas, a maior satisfacción terémola cando a proposta sexa unha realidade e os profesionais do mar vexan incrementada nun 27% a súas posibilidades de pesca con respecto á cota inicialmente prevista. Unha porcentaxe que recompensa todo este traballo, e que fará posible que se poida faenar ata finais de ano, para que os barcos deixen de estar amarrados e os nosos pescadores no Gran Sol con porto base en Celeiro, Burela, A Coruña, Ribeira ou Vigo, de calquera outra localidade galega, poidan seguir traballando, nesta Galicia mariñeira.
Jose Manuel Balseiro
Portavoz do Mar do Grupo Popular