Site icon Crónica3.com A Mariña

Cultura e Educación colabora con 3 Concellos da Mariña para a mellora de dotacións culturais

Lugo, 7 de outubro de 2013.- A Xunta de Galicia, a través da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, colabora con 11 concellos da provincia para financiar proxectos de mellora nas instalacións nas que se desenvolven distintas actuacións do ámbito cultural.

A través desta liña de subvencións convocada polo departamento autonómico en réxime de concorrencia competitiva, Cultura destina preto de 50.000 euros para que os entes locais realicen obras como a mellora da informatización das instalacións, a ampliación dos escenarios, a mellora da acústica, a reforma do sistema de prevención de incendios e a mellora da accesibilidade das dependencias.

O obxectivo principal destas achegas é apoiar aos concellos para a modernización das instalacións que dedican para desenvolver obras culturais, contribuíndo desta maneira a reforzar o desenvolvemento dunha programación cultural diversa e de calidade para a cidadanía, favorecendo a cohesión territorial e social.

Para a adxudicación das axudas, a comisión avaliadora tivo en conta, por exemplo, a actividade cultural levada a cabo nas instalacións e o carácter continuado do proxecto. Para favorecer a cooperación, outro dos criterios que se tiveron en conta foi a concorrencia ás achegas en agrupación de concellos.

Das achegas realizadas benefícianse en concreto os concellos lucenses de: Ribas de Sil, Trabada, O Valadouro, Baleira, Lugo, Vilalba, Sober, Lourenzá, Palas de Rei, Outeiro de Rei e Antas de Ulla.

Exit mobile version