Site icon Crónica3.com A Mariña

Decenas de colectivos de diversa índole participarán no encontro que acolle Riotorto coa intención de derogar o copago de fármacos de dispensación hospitalaria

Riotorto, 23 de outubro de 2013. O vindeiro sábado, 26 de outubro, ás 11:00 horas, a Casa da Cultura de Riotorto acollerá unha xuntanza á que están convidados colectivos sociais, colexios profesionais, plataformas en defensa da sanidade, representantes institucionais, o movemento veciñal, sindicatos, organizacións profesionais, asociacións de doentes e en definitiva o conxunto do tecido social do país, que terá como tema central o copago de fármacos de dispensación hospitalaria ideado polo Goberno do Estado.

A finalidade deste encontro é crear unha fronte común para instar ao presidente da Xunta Galiza a que paralice a entrada en vigor da Resolución do 10 de setembro de 2013, da Dirección Xeral da Carteira Básica de Servizos do Sistema Nacional de Saúde e Farmacia, pola que se procede a modificar as condicións de financiamento de medicamentos incluídos na prestación farmacéutica do Sistema Nacional de Saúde mediante a asignación de achega do usuario e na mesma liña demandar do Goberno do Estado a derogación da resolución recollida no BOE do 10 de setembro que establece a obrigatoriedade da achega do usuario para as patoloxías e a carteira de medicamentos fixadas na referida resolución.

O nacionalista Federico Gutiérrez Estoa, alcalde de Riotorto, que foi o primeiro rexedor que manifestou que no caso de que esta medida fose adiante o seu Concello faríase cargo do copago dos seus veciños indicou que “non podemos dar por bo unha proposta que deixa fora do dereito á saúde a homes e mulleres en función do seu poder adquisitivo, pero hai máis porque tamén esa grande maioría de xentes de ben, temos unha responsabilidade coa nosa sociedade de hoxe e coa sociedade que lle imos deixar en herdanza aos nosos fillos. En definitiva, tócanos a nós dar esa grande batalla social que garanta que a sanidade en Galiza vai seguir a ser algo universal e gratuíto”.

“Agardamos que a presión social obrigue ao PP a dar marcha atrás, – continuou Estoa- xa que a últimas decisión do Ministerio de Sanidade significa cruzar todas as liñas vermellas pois pretenden cobrar por medicamentos como Afinitor o el Tyverb utilizados para retrasar o cancro de mama, o Votrient ou Temodal utilizados para o tratamento do cancro de ril e os tumores cerebrais respectivamente, a máis doutras medicacións como LCM prescritos para a leucemia mieloide crónica, o tratamento de tumores malignos non resecábeis e/ou metastásicos do estroma gastrointestinal (GIST), a artrite reumatoide, a dexeneración macular ou a hepatite c crónica. En definitiva, estamos diante dun goberno sen alma que non coñece a palabra
humanidade e que con decisións deste tipo non fai outra cousa que retratarse ou deixar claro que só goberna para os ricos”.

“Desde o concello esperamos a participación de decenas de colectivos de todo o tecido asociativo do país, posto que un bo número de asociacións veñen de confirmar a súa asistencia. Ademais, tamén están convocados todos os alcaldes, concelleiros e políticos que traballan desde a oposición, dos que tamén contamos que haxa unha alta participación. A convocatoria feita desde o noso concello está a ter unha resposta moi positiva, e esperamos que os resultados do encontro previsto para o sábado tamén o sexan”, concluíu Estoa.

Exit mobile version