Site icon Crónica3.com A Mariña

Desafío ao parapeto alacantino

O Burela FS Pescados Rubén plantarase mañá no parapeto alacantino, fronte a un dos rivais máis reforzados e nunha pista moi complicada, convencido de continuar coa senda dos bos resultados. O encontro da cuarta xornada de Primeira División RFEF comezará ás 19.00 horas, no pavillón da Universidade.

“Foi unha semana delicada. Tivemos que afrontar o programa de adestramentos con Patri e Claudia carrexando certas molestias” lamentábase o técnico laranxa, Quico Otero, que tamén falou da incorporación de Jozi e Paula á convocatoria “aínda que será pouco probable que entren nas rotacións porque aínda non completaron totalmente a súa recuperación”.

Con 6 puntos, 1 menos que as burelistas, o UA Alicante dará continuidade á eterna loita irmandiña. Ata o momento as universitarias tan só mediron a conxuntos galegos en liga; impuxéronse a Valdetires (7-0) e Viaxes Amarelle (3-5), na primeira e terceira xornada, e caeron co Cidade das Burgas (5-3), na segunda. “Teremos que pelexar contra a lentitude da pista e fronte a un rival tacticamente ben colocado, forte na súa casa, que presiona durante o partido e posúe xogadoras desequilibrantes” explicaba Quico Otero, no obxectivo de continuar cos resultados positivos.

No renovado e fortalecido UA Alicante destacan a porteira Ana Romero e as xogadoras Andrea Castelló, Fátima Cervera e Amelia Romero. Con esta última, o conxunto local non poderá contar, posto que cumprirá o partido de sanción con que foi amoestada tras a vermella directa da semana pasada na casa do Amarelle.

Premios El Progreso ao Deporte Lucense
O histórico dobrete do campión laranxa foi recoñecido polos lectores do xornal El Progreso de Lugo, como o gañador da categoría de Fútbol Sala. O presidente do CD Burela FS Pescados Rubén, Manuel Blanco, recolleu o galardón na gala que acolleu onte o auditorio Gustavo Freire de Lugo, coa emisión de Telelugo. A entidade burelista tamén estivo representada polo vicepresidente, José Luis Sáez, e o directivo Auditor Rodríguez, xunto ao fundador de Pescados Rubén, Rubén Blanco. Un total de 38 deportes foron homenaxeados na novena edición dos Premios El Progreso ao Deporte Lucense, co recoñecemento principal para a atleta Alessandra Aguilar.

*FOTO: El Progreso. Manuel Blanco xunto ao concelleiro de Deportes de Lugo, José Manuel Díaz.

Exit mobile version