Mais é inconcibíbel que PSdeG, AGE e BNG non sexan quen a se pór dacordo nunha axenda común ou, polo menos, nun conxunto de propostas comúns que lle ofrecer á cidadanía e coa que confrontar coa ausencia de proxecto da maioría absoluta do PP. É evidente que a alternativa ao PPdeG só pode ser multipolar. Pero semella que as forzas da oposición están a xogar ao xogo das cadeiras musicais, a ver quen fica fóra ou dentro,. A ver quén mellora coa súa táctica a posición relativa entre as tres forzas opositoras, malia que cadanseus electorados obxectivos sexan moito máis compatíbeis entre si e pidan accións e propostas comúns.
Fronte esta incapacidade, a cidadanía anda a artellar novas fórmulas para se facer ouvir. Velaí o suceso da Iniciativa Lexislativa Popular xurdida dunha comisión cidadá luguesa formada por persoeiros representantes da sociedade civil, entre eles o antigo alcalde Vicente Quiroga, que acadaron en poucas datas máis de vinte mil sinaturas para garantirlle a todas as cidades galegas os servizos de radioterapia e hemodinámica.
Sen dúbida a sociedade vai moi por diante dos partidos e non vai agardar por eles.
A BRINCADEIRA: SEN FOTOCOPIADORAS NOS XULGADOS.
Varios Xulgados da Coruña están sen fotocopiadora ou coa mesma avariada. Non se cobren as baixas por enfermidade nin os días de feiras do persoal. O servizo resíntese, malia a dedicación xeralizada dos xuices e dos funcionarios. Os recurtes están a afogar a Administración de Xustiza.
Xoán Antón Pérez-Lema