Site icon Crónica3.com A Mariña

Dous centros educativos da Mariña participarán nas estadías lingüísticas convocadas pola Consellería para este outono

Lugo, 25 de outubro de 2013.- Sete centros educativos lucenses participarán este outono nas estadías para a formación en linguas estranxeiras – concretamente en inglés- convocadas pola Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, que serán totalmente gratuítas para os estudantes. Con esta nova liña do Plan de Potenciación das Linguas Estranxeiras o departamento educativo da Xunta de Galicia desestacionaliza o modelo de actividades de formación a través de estadías.

Dos centros da provincia participarán na iniciativa os estudantes de 6º de Primaria do CEIP de Quiroga, os de 1º de ESO do IES Enrique Muruais (A Pontenova) e do IES Fonmiñá (A Pastoriza); os de 2º de ESO do IES Plurilingüe San Rosendo (Mondoñedo); os de 3º de ESO do IES Plurilingüe Fontem Albei (A Fonsagrada); e os de 4º de ESO do CPI Luís Díaz Moreno (Baralla) e do IES de Becerreá.

Trátase dun importante esforzo da Consellería, máis no actual contexto económico, para ampliar por primeira vez a todo o ano unhas estadía que ata este momento só se desenvolvían en verán. Cómpre salientar o total éxito desta iniciativa xa que solicitaron participar nestas estadías 150 centros educativos.

As actividades, que terán unha semana de duración, organizaranse en cinco quendas, a primeira delas -do 3 ao 9 de novembro- será para os estudantes de sexto de primaria; a segunda, do 10 ao 16 de novembro, para os estudantes de primeiro de ESO; a terceira, do 17 ao 23 de novembro, para os de segundo de ESO; a cuarta, do 24 ao 30 de novembro, para os de terceiro de ESO; e, xa por último, a quinta quenda, que será do 8 ao 14 decembro, para o alumnado de cuarto de ESO.

O obxectivo desta iniciativa é mellorar as competencias en lingua inglesa das rapazas e rapaces, a través dunha experiencia de comunicación neste idioma nun entorno no que se combina a aprendizaxe da lingua inglesa e se mesturan actividades de formación e actividades culturais.

Exit mobile version