Site icon Crónica3.com A Mariña

Emigrantes Retornados da Mariña participará o martes en Santiago nunha mobilización conxunta

A Mariña, 12 de outubro de 2013.A Asociación de Emigrantes Retornados da Mariña reuniuse, na tarde do venres no Salón de Actos do CENIMA de Foz a fin de informar dos últimos acontecementos que se teñen dado en relación coa súa problemática e demandas así como dos próximos pasos a dar para conseguir os seus obxectivos.

A Asociación de Emigrantes Retornados da Mariña saíu da reunión cun plano de traballo tanto a nivel local e comarcal da Mariña, que consistirá, principalmente, na convocatoria de mobilizacións para a paralización das sancións aos emigrantes, así como en acudir a todos aos plenos nos concellos da comarca onde se debata esta moción para defender a súa postura; como dos actos que ten fixados a nivel galego pola Plataforma que remata de constituírse cun número importantes de colectivos e da que nos formamos parte. Neste sentido, a Asociación de Emigrantes Retornados da Mariña porá a disposición dos afectados da comarca autobuses para asistir á manifestación convocada en Santiago de Compostela para o vindeiro martes día 15.

O vindeiro martes 15 de Outubro ás 10 da mañá a totalidade das Plataformas de Emigrantes Retornados de Galiza temos convocado a nosa primeira mobilización de ámbito nacional que se celebrará en Santiago de Compostela e que terá remate diante do Parlamento de Galiza.O obxectivo das Plataformas, tamén o do Colectivo de Emigrantes Retornados da Mariña, é xuntar o maior número de persoas posíbeis na referida convocatoria a fin de facerlle ver a nosa forza ao Goberno Galego a fin de que pasen a apoiar as demandas e en definitiva se proceda a modificar o criterio da Axencia Tributaria de sancionarnos, mesmo indo nalgún caso como se explicou na xunta do Venres co que establece a lei.É hora de que o goberno cese nas multas contra nos, é hora de que se paralicen as sancións e os intereses de demora abusivos, é hora de demandar un mesmo trato fiscal para aqueles que nos gañamos a nosa pensión na emigración que no País, en definitiva, todo isto é posíbel coa nosa unidade e coa nosa loita. A tal fin poñemos no teu coñecemento que haberá autobuses desde os Concellos da Mariña para acudir a concentración de Compostela polo que vos pedimos que vos apuntedes antes do Luns chamando ao 606-630-113.

A Asociación de Emigrantes Retornados da Mariña deu o pistoletazo de saída a unha recollida de sinaturas que se vai realizar ao longo de todo o mes na Comarca e que reclama a paralización das multas e dos expedientes sancionadores, que a Axencia Tributaria poña fin aos intereses de demora nestes procedementos xa que a maioría dos emigrantes non eran coñecedores das obrigas tributarias, a devolución do diñeiro pagado, xa que no caso de Suíza e de Alemaña as sentenzas do TSXG son firmes e unánimes neste sentido e que se fixe un único réxime fiscal independetemente da orixe das pensións, isto é con independencia se teñen a súa orixe na emigración ou no País. Asemade nas próximas datas vanse iniciar as mobilizacións na propia Comarca, ben acudindo aos Plenos, Burela xa aprobou por unanimidade a proposta da Plataforma, ben convocando mobilizacións nas rúas, posto que vai ser a presión popular a que obrigue ao Ministerio de Facenda a modificar a Lei do IRPF de 2006. A vontade do colectivo mariñao é levar a mobilización até o final, posto que se agora a lei tamén se pon do noso lado, o que sempre estivo canda a nos son a xusteza das nosas reivindicacións porque nos somos emigrantes, somos traballadores e non defreudadores.

Neste sentido, dende a asociación insisten en que“debemos reparar no novo escenario que se abre para a loita coas últimas decisión xudiciais, xa que abren unha nova fronte de loita que debe ser reforzado pola mobilización social, a fin de presionar e facer efectiva unha resolución xusta. Son tempos de loita, de seguir sumando apoios e de manternos unidos, xa que este vai ser o camiño para obrigar ao goberno do Estado e de xeito moi particular a Facenda a mudar de posición paralizando as sancións e definindo un mesmo modelo de tributación para os emigrantes con independencia da orixe das rendas das súas pensións. Xa só nos queda solicitarvos que fagades extensíbel esta convocatoria a todos os emigrantes retornados que coñecedes e que os convidedes a esta reunión, reunión que volverá a ser aberta como todas as que mantivemos até hoxe e que parte da consideración de que a grande maioría dos afectados por esta medida descoñecen a súa situación procedimental até o punto de saber das súas obrigas tributarias”.

Exit mobile version