FRUGA celebrou este martes en Lugo unha xornada de traballo onde técnicos especialistas na materia, membros da Xunta Directiva de FRUGA, titulares de explotacións afectadas e representantes de TECORES debateron sobre as solucións a buscar a esta problemática. En primeiro lugar, FRUGA considera que a Xunta de Galiza debe asumir a súa responsabilidade e non tratar de trasladarlle a carga aos TECORES. A administración pública é a que ten a capacidade técnica e económica para encarar e darlle solución ao problema da fauna salvaxe, e non, tal e como pretende, que sexan os TECORES os que teñan toda a responsabilidade dos danos que esta fauna ocasione a terceiros. O Goberno Galego, con esta actitude, o único que pretende é fuxir do seu deber e enfrontar a uns veciños con outros. Os cazadores non son o problema, senón parte da solución.
Abandono, desestruturación e desorde do medio rural galego, froito das políticas erradas que o Goberno do PP está a desenvolver na Xunta de Galiza, son as causas do incremento dos danos da fauna salvaxe sobre os cultivos. Para FRUGA existe unha relación directa entre a situación de abandono do noso medio rural por parte do Goberno Galego e o aumento dos danos causados pola fauna salvaxe.
O desenvolvemento das nosas alternativas sustentaranse nos seguintes eixos:
-Asunción por parte da Xunta de Galiza da súa responsabilidade e competencia no tratamento da problemática asociada aos danos causados pola fauna salvaxe (xabaril, lobo, corzo, corvos, etc.)
-Elaboración dun informe da situación actual, comezando por elaborar un estudo rigoroso onde se analice o censo e distribución das poboacións de fauna salvaxe máis problemática e os seus danos. A partir de aí estudaranse diferentes métodos alternativos de xestión e control das poboacións que xa se están comezando a empregar en Europa. O equilibrio ecolóxico está roto, polo que é preciso restaurar, de forma urxente, este equilibrio mediante un control efectivo da poboación de xabaril en Galiza .
-Habilitar de xeito urxente un fondo de danos de compensación que cubra os danos ocasionados pola fauna salvaxe, incluídas as perdas de colleitas e a rehabilitación das zonas afectadas.
-Establecer unha serie de medidas de apoio á actividade agraria e de desenvolvemento rural que axuden a ordenar a actividade agrario e o territorio para moderar o censo de fauna salvaxe.