O titular provincial salientou que “hoxe escandalizámonos das limpezas étnicas que están a suceder no mundo, pero non podemos esquecer que o réxime franquista levou adiante unha limpeza ideolóxica. As vítimas do terror do franquismo requiren o noso recoñecemento e o noso agradecemento explícito por defender os valores da liberdade, da ética, da igualdade, da solidariedade, da democracia. Pero cando dicimos e defendemos isto, a dereita adoita dicir que o franquismo é pasado, que hai que mirar ó futuro e atender problemas máis urxentes. Pero en absoluto é así”.
“Nun momento de profunda crise económica e social, con declaracións e accións de algúns que intentan deslixitimar a política, é mais urxente que nunca mirar para a verdade do noso pasado, para a verdade das vítimas, porque vivimos tempos proclives a ideas totalitarias, a populismos, a intentos de baleirar de contido o réxime democrático”, engadiu o Presidente.
Gómez Besteiro asegurou que “unha mínima lectura da historia e un mínimo análise de acontecementos recentes, o demostra. Os mesmos que hai pouco dicían que o franquismo era cousa do pasado, que falar del non interesaba a ninguén, que se dividía España e que era perigoso reabrir feridas, agora están enarbolando símbolos fascistas sen pudor, fan declaracións, incluso cargos públicos, a favor do franquismo e mesmo denigran as vítimas con total impunidade. Isto é un xogo moi perigoso que é necesario atallar contundentemente con todos os recursos que dá a democracia”.
“Condena sen paliativos”
“Non se pode ser tibio con estes feitos, nin admitir tibieza na condena do franquismo como algúns fan. Non serven eufemismos como condenar a violencia. É necesario esixir unha condena sen paliativos, clara e explícita do réxime franquista e dos seus crimes, como o están a facer organismos internacionais de primeira importancia: a ONU, o Parlamento Europeo e o Consello de Europa”, aseverou o mandatario provincial. Deste xeito, reclamou que “se tipifique como delito no Código Penal a apoloxía do franquismo e calquera manifestación lesiva á dignidade dos represaliados e vítimas, tal como aprobamos en Pleno o goberno da Deputación de Lugo. En Francia, en Alemaña ou en Italia, a exhibición de símbolos fascista é un delito, aquí non. Esta mesma semana o partido que sustenta o goberno de España bloqueaba en solitario no Congreso que a apoloxía do franquismo sexa delito. É inadmisible”.
Do mesmo xeito, Gómez Besteiro asegurou que “tampouco podemos admitir que o goberno incumpra de forma sistemática e absoluta a Lei de Memoria Histórica, deixando ás familias das vítimas e as asociacións de Memoria Histórica abandonadas e facendo que os restos dos miles de represaliados e asasinados fiquen nas cunetas e nas fosas sen poder ser exhumados nin honrados como merecen. Todas estas actitudes menoscaban a calidade da política do noso país. Debémosllo a todos os homes e mulleres que hoxe estamos lembrando e homenaxeando, os que loitaron e padeceron para defender a democracia. Non podemos permitir que morran outra vez”.