Site icon Crónica3.com A Mariña

González Barcia: “o anuncio de Portos de Galicia de minorar as taxas portuarias é unha moi boa noticia para o porto burelés”

Burela, 25 de outubro de 2013. O alcalde, José Mª González Barcia, considera que o anuncio de Portos de Galicia de minorar as taxas portuarias é unha moi boa noticia para o porto burelés. O rexedor agarda que “a súa actividade vaia en aumento”.

González Barcia dixo esta mañá que “o anuncio de Portos de Galicia de rebaixar ou minorar as taxas portuarias é unha moi boa noticia para portos coma o de Burela pola intensa actividade que temos. Deste xeito entendemos que se pode favorecer a actividade portuaria, tanto no que se refire á propia actividade de ABSA (Armadores de Burela) coma á que realizan as distintas empresas que teñen algunha concesión administrativa aquí no porto en Burela”.

Para o alcalde burelés “este é un tema que os propios concesionarios de actividades portuarias e as propias organizacións empresariais que veñen xestionando as lonxas, coma por exemplo é caso de ABSA, viñan demandando. O certo é que a situación económica non favorecía a rebaixa das taxas, pero esta é sen dúbida unha boa noticia que esperamos e confiamos que vai servir para continuar reactivando o porto de Burela, tendo en conta que o noso porto móvese nun ámbito prioritario como é o sector da pesca, co cal incluso se pode abaratar calquera tipo de custe. Pero tamén temos unha actividade importante no que é o sector comercial, e a rebaixa das taxas, eu enténdoo e espero que repercuta na actividade portuaria e que esta vaia en aumento”.

Exit mobile version