Site icon Crónica3.com A Mariña

MariñaPatrimonio denuncia o abandono do xacemento arqueolóxico de A Roda de Barreiros por parte de Fomento e a Xunta

a roda - barreirosLugo, a 21 de outubro de 2013.- Cultura do País, ADEGA e Mariñapatrimonio vimos de presentar unha denuncia perante Patrimonio polo abandono e posibles danos de A Roda de Barreiros.

No xacemento arqueolóxico de A Roda de Barreiros realizouse no 2006 unha intervención arqueolóxica por mor do trazado da autovía A-8, que pasaba enriba deste xacemento. Trala escavación case total de A Roda sae á luz un importante e enigmático xacemento que a día de hoxe, e sen estar concluída a escavación, os arqueólogos descoñecen o seu uso e a súa datación.

Na actualidade, os arqueólogos da Xunta din que A Roda pode ter certa similitude co círculo da Chousa do Rodeiro do castro de Coeses (Lugo), actualmente ameazado tamén polas obras da autoestrada Santiago-Lugo.

Hai sete anos a Xunta e Fomento decidían variar o trazado da autovía para evitar a destrución deste xacemento único en Galicia e, tras unha custosa intervención , A Roda lograba salvarse.

Hoxe en día, despois da súa “salvación”, o xacemento de A Roda atópase nun lamentable estado de abandono con visibles signos de degradación e destrución porque Fomento non cumpriu coa súa obriga de conservar, coidar e protexer este ben patrimonial, amosando unha vez máis o seu escaso interese polo noso patrimonio.

Por iso, dende as nosas asociacións, instamos á Xunta para que cumpra coa súa obriga legal de protexer o patrimonio e que obrigue ao Ministerio de Fomento a adoptar as medidas necesarias para conservar, coidar e protexer este ben patrimonial.

Exit mobile version