“Coa composición demográfica lucense, onde arredor do 35% da poboación son persoas pensionistas, o impacto de medidas coma esta é moi significativo; especialmente, se temos en conta, a actual situación de desemprego e a dependencia de moitas economías familiares con respecto ás pensións, que sustentan en moitos casos as familias” – afirmou Mario Outeiro.
Neste sentido, Mario Outeiro afirmou que “aforrar non é detraer diñeiro das pensións para pagar a débeda, iso é un asalto ás persoas pensionistas, un dos colectivos máis vulnerábeis da sociedade, que desde a chegada dos populares ao poder vén vendo mermado o seu poder adquisitivo. Porén o problema non só está no ano que vén. A memoria económica do proxecto de reforma do goberno prevé que as pensións a partires do 2014 non se actualicen co IPC senón tendo en conta outros criterios, algo que empeorará a partires do 2019. Deste xeito, o goberno podería “aforrar” preto de 70.000 millóns de euros ata o 2022. Aforrar, unha palabra fermosa que serve para enmascarar outro asalto á hucha dos pensionistas”.
Esta volve a ser unha actuación que non só afecta aos individuos senón que, ao igual que o desmantelamento financeiro do país ou o caso das participacións preferentes, vai ter unha clara afección á nación galega no sentido de que volve a drenar recursos cara outras zonas do Estado ou de Europa. Non obstante, estamos a falar dunha zona envellecida con 120.000 persoas en Lugo que cobran unha pensión, por certo, das máis baixas do Estado (620€ mensuais de media fronte as 858€ de media as españolas).
Mario Outeiro afirmou que “nun momento no que a EPA volve tumbar os “brotes verdes” do goberno, esta medida é claramente desafortunada. No mes de setembro o paro aumentou en Galiza en máis de tres mil persoas (máis que o mes de setembro do ano anterior), sendo Lugo a provincia onde máis aumenta o desemprego respecto ao mes anterior e unha das máis envellecidas, o que constitúe unha sangría social xa que un de cada tres fogares viven dos ingresos procedentes de prestacións, onde as pensións son unha parte fundamental. Sen dúbida os escandalosos datos de pobreza en Galiza aumentarán de novo de manterse as políticas austericidas do Partido Popular tanto na Xunta de Galiza coma no Goberno do Estado”.