Na súa intervención, Outeiro afirmou que “este acto debe ser un compromiso para facer actuacións políticas en desagravio das vítimas, pasando polo axustizamento dos perpetradores, eliminación da simboloxía fascista e lexislando contra as actitudes que supoñan un enxalzamento da ditadura. Hoxe máis que nunca fanse precisas por parte da sociedade civil iniciativas como esta para crear consciencia sobre a recuperación da memoria histórica e a xustiza coas vítimas da ditadura franquista”.
Mario Outeiro afirmou que “desde a Área de Cultura da Deputación temos ben clara a necesidade de afondar nas políticas da memoria. Temos desenvolvido un traballo arredor da memoria histórica xa desde anos atrás, ben a iniciativa propia con exposicións e eventos de diversa índole ou ben en colaboración con outros colectivos, destacando principalmente o tristemente clausurado proxecto Nomes e Voces. É por isto que amosamos sen dúbidas e desde o primeiro momento a nosa adhesión e colaboración con este acto nacional de desagravio ás vítimas do Franquismo”.
O delegado de Cultura e Turismo e portavoz do BNG na Deputación afirmou que “Montecubeiro é un símbolo do que ocorreu en Galiza despois do golpe de estado de 1936: persecución programada contra os activistas dunha sociedade civil forte, plural e articulada, na que se tentaban consolidar conquistas sociais e nacionais que levaban anos formulándose. Unha sociedade civil na que as clases populares, as mulleres, os traballadores, tiñan capacidade de intervención e mecanismos para facer valer os seus dereitos. Contrasta isto coas políticas que hoxe se están a aplicar en Galiza e no Estado Español, que eliminan eses dereitos polos que tanto se loitou durante séculos e reprimen os movementos sociais contestatarios”.