A xornada comezará pola tarde, ás 17.00 h, cun roteiro polo conxunto histórico das antigas Reais Fábricas de Sargadelos (Cervo) guiado pola directora do Real Patronato de Sargadelos, Elisa Pérez Vázquez. O paseo levará aos asistentes a carón do río, a través do chamado Camiño Real, visitando os muíños, a canle hidráulica, a fermosa fervenza do Paseo dos namorados e o recinto da siderurxia, interpretando os restos do noso pasado industrial do XVIII. De volta, estaremos tamén na Casa da Administración, hoxe sede do Museo Histórico de Sargadelos.
Logo deste paseo, ás 19.00 h, asistiremos, no auditorio da moderna fábrica de Sargadelos, ao espectáculo de danza contemporánea Habelas, da Cía. trasPediante, unha peza escénica multidisciplinar que mistura a música en directo, a danza, a maxia e o audiovisual e que recolle da memoria colectiva a nosa relación entre os ritos populares e o corpo. Habelas está protagonizada por Begoña Cuquejo e Marta Alonso, con música ao vivo do zanfonista Ariel Ninas.