Site icon Crónica3.com A Mariña

O alcalde burelés salienta que o acceso ó Porto “será por fin unha realidade”

Burela, 22 de outubro de 2013. O alcalde de Burela, José María González Barcia, manifestou este martes que “desde a situación económica que estamos a vivir, os presupostos da Xunta para 2014 abordan os dous asuntos máis importantes para o noso concello, o acceso ó porto e a ampliación do Hospital”.

González Barcia asegurou que “o acceso ó porto comezará a ser unha realidade durante o vindeiro ano. A contía consignada nos orzamentos, oitocentos sesenta mil euros, permitirá licitar, adxudicar, contratar e iniciar as obras durante o 2014, obras que se acelerarán considerablemente en 2015 coa consignación que se fixa xa con carácter adicional”.

Tamén en relación co acceso ó porto, o alcalde burelés indicou que “todos somos conscientes da enorme importancia desta obra para o porto e para o noso concello. Pero o que é incuestionable é que resulta ser o goberno de Núñez Feijoo quen aborda decididamente a execución desta importante infraestrutura”.

Para o alcalde burelés, “tamén é unha boa noticia que se consigne partida orzamentaria para a redacción do proxecto de execución da ampliación do Hospital da Costa, proceso que vai por bo camiño. Deste xeito, vanse cumprindo os prazos dados polo presidente Núñez Feijoo en relación coa tan ansiada ampliación: plano director (que está a piques de adxudicarse); redacción do proxecto de execución; e posterior licitación e adxudicación da obra. Cómpre lembrar que é a primeira vez que se menciona a ampliación do Hospital da Costa nos presupostos da Xunta de Galicia”.

González Barcia aseverou que “o compromiso do goberno de Alberto Núñez Feijoo con Burela queda patente, dado que encara estas dúas infraestruturas, fundamentais para o noso pobo e tamén para A Mariña, con rigor nun momento económico lonxe da bonanza que outros tiveron para poder sacar adiante estas dúas actuacións e non o fixeron”.

Exit mobile version