Site icon Crónica3.com A Mariña

O BNG asegura que os orzamentos do Estado son os do empobrecemento e o paro para A Mariña

A Mariña, 2 de outubro de 2013. Na súa primeira valoración dos Orzamentos Xerais do Estado e a súa repercusión para a comarca, o BNG de A Mariña considera que as infraestruturas estatais para a comarca, chegan “tarde, mal e arrastro”. Lamentan os nacionalistas que “as inversións que se prevén en infraestruturas incidan no xa histórico atraso das mesmas ao seu paso pola nosa comarca. A autovía do Cantábrico que se prevé que se remate neste ano, chega 7 anos tarde; pero o tramo estatal da autovía da costa, que leva tamén anos de atraso segue sen recibir orzamento para o inicio da súa construción”.

“Chegan mal, porque a autovía do Cantábrico é unha infraestrutura que deixa pobos e vilas illadas, sen acceso, pola súa mala planificación. E porque, xa a día de hoxe, tivo que ser reparada por defectos importantes no firme, tal e como denunciou o BNG hai meses. E chegan arrastro, porque só a demanda e a presión social para dotar á comarca dunhas infraestruturas propias do século XXI lograron paliar en parte a deixadez e a ignorancia dos distintos gobernos do Estado con respecto á Mariña”, explican os nacionalistas.

Para o BNG, o feito de que non se contemple iniciar as obras da autovía costeira “terá unha incidencia moi negativa na economía mariñá. Non só xa no tocante á carencia histórica dunha vía de comunicación que vertebre a comarca; senón polo feito de que moitas empresas e autónomos e o propio sector da hostalaría teñen a día de hoxe grande dependencia das obras públicas e, nun momento no que se prevé a finalización da autovía do Cantábrico o feito de non poñer en marcha as obras do corredor supón outro golpe máis para a economía destas empresas e contribuirá directamente ao incremento do paro.”

As pensións, outro golpe para a economía mariñá
Ademais das cuestións referidas á Mariña, os nacionalistas cren que “a medida que contempla o goberno do Estado con respecto ás pensións, subíndoas por debaixo do custo real da vida, que supón un empobrecemento das persoas pensionistas; terá unha especial incidencia na nosa comarca”.

“Coa composición demográfica de A Mariña, onde máis do 25% da poboación son persoas pensionistas, o impacto de medidas coma esta é moi significativo; especialmente, se temos en conta, a actual situación de desemprego e a dependencia de moitas economías familiares con respecto ás pensións, que sustentan en moitos casos as familias”, sinalan desde o BNG. “Pero é que, ademais, – insisten – existen concellos nesta comarca, cunha taxa de envellecemento moi superior á media nos que a incidencia negativa desta medida vai ser moi superior, incidindo, unha vez máis no empobrecemento da poboación”.

Polo tanto, os nacionalistas califican os Orzamentos Xerais do Estado para o 2014 como “negativos para A Mariña e para as e os mariñáns, xa que para nada contribuirán ao desenvolvemento económico da zona; senón ao contrario, suporán máis empobrecemento e máis paro”.

Exit mobile version