Site icon Crónica3.com A Mariña

O BNG considera que os Orzamentos da Xunta para o 2014 certifican as mentiras do PP sobre a ampliación do Hospital da Costa no próximo ano

A Mariña, 21 de outubro de 2013. O BNG valora a proposta de orzamentos para o ano 2014 presentada polo goberno do Partido Popular como uns “orzamentos moi negativos para a comarca e para as veciñas e veciños da Mariña en xeral.”

Os nacionalistas sinalan que o Partido Popular segue coas políticas de desmantelamento da comarca e sen ningún tipo de inversión que asegure o seu desenvolvemento. “O feito de que non exista novamente unha partida para destinar á ampliación do Hospital da Costa é a mostra de que o modelo do Partido Popular para a sanidade na Mariña non é o que se empeñan en facernos crer; senón que apostan claramente por deixar morrer de inanición ao Hospital de Burela para favorecer o Hospital de Lugo”, sinalan desde o BNG. “Un ano máis, a reiterada promesa do Partido Popular sobre a ampliación do Hospital da Costa queda en papel mollado cando se trata de destinar o diñeiro para eso. Fronte ás continuas apelacións á fe dos mariñáns e mariñás que fai cada pouco tempo o deputado popular José Manuel Balseiro, constatamos como, outra vez, o Partido Popular desde a Xunta se esquece de consignar o diñeiro necesario para a ampliación do Hospital. Polo tanto, estamos asistindo a un continuo proceso de mentiras e enganos á cidadanía da Mariña, xogando coa propia saúde da xente.”

Para o BNG da Mariña, a actitude do PP mariñán é de “auténtica traición” ás veciñas e veciños da Mariña, ao “incumprir reiteradamente todas as súas promesas e condenar a esta comarca ao abandono absoluto.”

“Estes orzamentos amosan claramente cales son as políticas e os proxectos que ten o Partido Popular para A Mariña. Mentres os orzamentos ignoran plans de acompañamento social ou de emprego (tal e como anunciaron tamén en numerosas ocasións) para paliar o desemprego que se está a dar nesta comarca e seguen cos recortes en servizos públicos, o goberno galego destina máis de 6 millóns de euros para legalizar as urbanizacións ilegais que se construíron en Barreiros”, sentencian desde as filas nacionalistas.

No tocante a algunhas das inversións contempladas os nacionalistas aseguran que “hai que deixalas en cuarentena, visto que, por exemplo para o corredor da costa no ano 2013 se orzamentaran 3,5 millóns de euros e as obras se pararon segundo pasaron as eleccións galegas ou que no 2013 para a ampliación do Hospital da Costa si que existía unha partida específica. Polo tanto, vemos que os compromisos orzamentarios do Partido Popular para A Mariña teñen a mesma validez que as promesas que fan os seus representantes nesta comarca: son un permanente engano e unha auténtica tomadura de pelo para calquera persoa.”

Exit mobile version