Site icon Crónica3.com A Mariña

O BNG critica que “as modificacións que xa se realizaron no PXOM de Barreiros foron para favorecer as grandes urbanizacións”

Barreiros, 30 de setembro de 2013. O grupo municipal do BNG en Barreiros levou a pleno cuestións relacionadas coa tramitación do Plan Xeral que foi anunciada a finais do verán polo Alcalde e que se atopa en fase de exposición pública no trámite de incidencia medioambiental.

Os nacionalistas preguntaron cales foron os “erros de consideración que supuxeron a paralización do procedemento e a volta a empezar neste mes de setembro.”

Segundo o BNG, “este plan foi anunciado en febreiro de 2010 nun acto no que participaron o Alcalde, Alfonso Fuente, e un representante da UTE que redactaría o proceso. Casualmente esa persoa tiña sido portavoz municipal do Partido Popular no concello de Foz. Nese acto, anunciaban a sinatura dun contrato por un importe aproximado de 200.000€ para que, no prazo de tres anos, estivese redactado o PXOM.”

“Despois de tres anos e medio daquela fotografía, o que temos é un documento inicial que se presenta á Xunta, tras coñecerse a sentenza do TSXG que anula o Plan Sectorial para a legalización das urbanizacións, dun xeito apresurado e cargado, segundo recoñeceu o propio Alcalde, de erros importantes. Como consecuencia diso, o procedemento quedou paralizado e días máis tarde foi presentado un novo documento para a súa tramitación”, relatan desde o BNG.

Para o BNG, moitas das modificacións que se introduciron neste segundo documento, veñen a demostrar que o que se está facendo é un PXOM a medida das grandes urbanizacións e non das veciñas e veciños; xa que, a inmensa maioría de bolsa de solo urbano está arredor das promocións de pisos e, pola contra, déixanse vivendas existentes como zonas de solo rústico e incluso se eliminan zonas que ata o momento tiñan a consideración de núcleo rural, especialmente na zona interior do concello.”

O BNG desde o primeiro momento advertiu que “o plan xeral non podía ser o instrumento para dar carta branca aos desmáns urbanísticos que houbo neste Concello e que ten que servir para beneficiar á maioría das veciñas e veciños e ordenar o territorio.”

Por esta razón, os nacionalistas anuncian que no mes de outubro, comezarán con charlas informativas polas parroquias para dar a coñecer o documento que se presentou, aínda que “neste momento as alegacións a presentar sexan de carácter estrictamente medioambiental.”

Exit mobile version