Site icon Crónica3.com A Mariña

O BNG de Barreiros pide que o diñeiro da Xunta se destine para todo o concello e non só para tapar as ilegalidades urbanísticas

Barreiros, 22 de outubro de 2013. Desde o BNG de Barreiros califican de “absolutamente escandaloso” que o Partido Popular destine máis de 6 millóns de euros de cartos de todas as galegas e galegos ás obras do plan sectorial; mentras retira as axudas aos concellos de menos de 20.000 habitantes, coma Barreiros, para o mantemento do Servizo de Axuda no Fogar.

Para o BNG esta cantidade “non demostra, para nada, o compromiso do goberno da Xunta con Barreiros como pretenden facernos crer. Pola contra, a única razón para destinar unha cuantía tan elevada a Barreiros é, exclusivamente, tapar as ilegalidades cometidas neste concello e permitidas polo alcalde popular, Alfonso Fuente e o seu equipo e as da propia Xunta de Galiza cando, nun acordo do Consello da Xunta, se aproba un Plan Sectorial que é declarado contrario a dereito polo Tribunal Superior de Xustiza de Galiza.”

Desde o BNG piden que “se realmente a Xunta de Galiza ten tanto interese en desenvolver e dinamizar Barreiros, que destinen esa cantidade de diñeiro para o conxunto das e dos barreirenses. Porque con 6 millóns de euros nun concello coma Barreiros poden facerse moitas cousas e non só dotar de servizos ás urbanizacións construídas sen eles”, aseguran os nacionalistas.

Para o BNG de Barreiros non deixa de ser curioso, cando menos, que os populares defendan estes orzamentos facendo un cálculo do que lle toca a cada persoa da provincia. “O que non explica o señor Balseiro é que neses 728€ que, en teoría, nos tocan a cada lugués, tamén van repartidos os máis de 6 millóns de euros que o PP destina para dotar de servizos ás grandes promocións inmobiliarias de Barreiros e, polo tanto, ese diñeiro non se reparte entre todas e todos, senón que é diñeiro que si sae de todas e todos, pero vai parar a uns poucos.” Os nacionalistas barreirenses pídenlle “ao Partido Popular e ao seu portavoz na Mariña, o señor Balseiro, que deixe de mentir e de utilizar demagoxicamente os datos. Se quere que explique, de verdade, se pode explicalo, porque a Xunta destina ese diñeiro a Barreiros.”

En relación con isto, a formación frontista anuncia que presentará alegacións aos orzamentos da Xunta para recolocar ese diñeiro en outras obras, inversións e servizos (como o SAF) que beneficiarán a todo o concello e a todas as veciñas e veciños de Barreiros.

Exit mobile version