Site icon Crónica3.com A Mariña

O BNG de Cervo reclamará no Pleno a non aplicación en Galiza do segundo medicamentazo aprobado polo Goberno español e a súa derrogación no conxunto do Estado

Cervo, 4 de outubro de 2013. O BNG de Cervo levará a pleno unha moción reclamando a non aplicación en Galiza do segundo medicamentazo aprobado polo goberno español e que varias comunicades xa rexeitaron por non ser de obrigada aplicación. Os nacionalistas consideran que o goberno de Feijoo ten que defender as competencias propias de Galiza en materia sanitaria e non ser, como de costume, o delegado territorial do seu partido aprobando medidas como esta que supoñen un paso mais no proceso encetado polo PP para demoler o sistema público de saúde no camiño da privatización e expulsión do sistema daquelas persoas que non teñen recursos para financiar as súas doenzas.

O SEGUNDO MEDICAMENTAZO DO PP É UNHA MEDIDA IDEOLÓXICA SEN RAZÓNS ECONÓMICAS NIN DE RACIONALIDADE NO CONSUMO DE FÁRMACOS QUE O SUSTENTEN
O portavoz municipal do BNG explicou que esta medida non se sustenta sobre razóns económicas nin de racionalidade no uso dos medicamentos, “responde ao ideario neoliberal do PP que considera os servizos públicos como un negocio e non como piares dunha sociedade xusta e igualitaria”. É irracional que o PP trate de impoñer o pago pola dispensación de medicamentos da farmacia hospitalaria que en moitos casos correspóndense con doenzas graves e de longo tratamento fixando un novo imposto sobre o medicamento dun 10% do seu prezo até un máximo de 4,20 euros por envase.

O PP XA ESTÁ CRUZANDO LIÑAS VERMELLAS QUE NUNCA DEBEU TOCAR NA XESTIÓN DA SANIDADE PÚBLICA
Para o BNG esta medida xa supón cruzar todas as liñas vermellas da sanidade pública. Con esta medida cobraranse medicamentos como Afinitor ou Tyverb empregados en cancros de mama, ou Votrient ou Temodal para o tratamento de cancro de ril e tumores cerebrais respectivamente, así coma outras medicacións para a leucemia mieloide crónica, o tratamento de tumores malignos resecábeis e/ou metastásicos do estroma gastrointestinal (GIST), a artrite reumatoide, a dexeneración macular ou a hepatite C crónica. E así até 157 presentacións farmacolóxicas de pouco máis de 50 medicamentos, que segundo sinala o BOE, cumpren coas condicións para ser considerados de achega reducida, ao tratarse de medicamentos de eleccións de enfermidades graves ou crónicas, e estando limitada a súa dispensación aos pacientes non hospitalizados nos servizos de farmacia dos hospitais.

PIDEN QUE NON SE APLIQUE EN GALIZA A RESOLUCIÓN E A SÚA DERROGACIÓN NO CONXUNTO DO ESTADO
Os nacionalistas pedirán o apoio do pleno da corporación para reclamar do goberno galego a non aplicación en Galiza da Resolución de 10 de setembro de 2013, da Dirección Xeral de Carteira Básica de Servizos do Sistema Nacional de Saúde e Farmacia, pola que se procede a modificar as condicións de financiamento de medicamentos incluídos na prestación farmacéutica do Sistema Nacional de Saúde mediante a asignación de achegas económicas do usuario. Así mesmo reclamarán ao Goberno do Estado a derrogación da resolución recollida no BOE do 10 de setembro que establece a obrigatoriedade da achega do usuario para as patoloxías e a carteira de medicamentos fixadas na referida resolución.

Exit mobile version