Site icon Crónica3.com A Mariña

O BNG de Foz, en contra da suba dos carburantes

Foz a 23 de outubro de 2013.- O BNG de Foz presentará para este pleno unha moción esixindo da Xunta a retirada da suba de combustibles para o ano 2014, que o PP incluíu nos orzamentos, e a aplicación de medidas impositivas aos que máis teñen.

Para o BNG trátase dun novo incumprimento do programa electoral co que Feixóo gañou as eleccións hai un ano no que apostaba pola “austeridade” como única solución para salvar as finanzas públicas, e descartaba unha suba de impostos. O PP dicía daquela que “unha suba de impostos no ámbito da nosa Comunidade Autónoma pode resultar dobremente contraproducente, pois ademais de provocar unha contracción maior da actividade empresarial e dos investimentos, e do consumo interno, pode alterar a súa vez a lóxica redistributiva estatal propia dos tributos de maior poder recadatorio”.

Así que unha vez máis os membros do PP mentiron e enganaron ao pobo, e malia a promesa de non subir os impostos autonómicos -e mesmo baixar algúns tributos- agora aplicará unha nova taxa sobre os combustíbeis nos Orzamentos de 2014. Galiza xa aplicaba un imposto, o chamado “céntimo sanitario”, e agora multiplícase. O nova suba implicará que o imposto ao gasóleo pasará en Galiza de 1,2 céntimos por cada litro a 4,8 céntimos por litro, mentres que o incremento na gasolina será de 2,4 céntimos a 4,8 céntimos. É dicir, no caso do gasóleo a taxa multiplícase por catro e na gasolina por dous.

Ademais de ser imperdoable que o PP incumpra as promesas e minta aos galegos e galegas, tamén o é rirse da súa intelixencia argumentando que soben os carburantes para “equiparalo” con outras autonomías. A realidade é que Galiza con esta suba ponse á cabeza das comunidades que máis impostos cobran nos combustibles xunto a Baleares, Castela e León, Cantabria e Valencia. Ata cinco comunidades non aplican ningún imposto extra sobre os combustíbeis e as demais aplican taxas menores que as de Galiza.

Para o BNG esta nova medida do PP é afondar aínda máis na crise e no empobrecemento da maioría da xente e provocarán un retraemento no consumo, a caída da actividade e, polo tanto, unha menor recadación. Mesmo a agrupación de vendedores minoristas de carburantes e combustibles advirte de que actuación que prevé levar a cabo a Xunta prexudicará á “competitividade” das gasolineiras galegas e irá en detrimento dos usuarios.

Para o BNG a alternativa está non na suba dos impostos indirectos senón todo o contrario: subir os impostos ás rendas máis altas, aos grandes patrimonios, á grande banca ou ás grandes empresas que xeren impactos medioambientais no noso pais e pagan os impostos no estranxeiro.

Exit mobile version