Site icon Crónica3.com A Mariña

O BNG de Foz informará sobre o PXOM a partir do martes 29 de outubro en horario de 11:00 a 13:00 e 17:30 a 19:30 aos veciños

Foz a 28 de outubro de 2013.- O BNG de Foz acordou poñer a disposición dos veciños de Foz o seu local a partir do martes 29 de Outubro en horario de 11:00 a 13:00 e de 17:30 a 19:30 a fin de que os mesmos poidan recibir información de primeira man das determinacións xerais do PXOM pero de xeito moi particular daquelas cuestións que lles afectan ás súas propiedades e ás súas condicións urbanísticas. Segundo Basanta, as razóns que levan ao BNG a poñernos a disposición dos veciños para explicar o PXOM non é outra que a de esclarecer todas as dúbidas que lle xurdan aos veciños coa verdade por diante e sen querer “venderlle a moto” a ninguén coa palmada no ombreiro. “Xa o fixemos no anterior documento e volvémolo a facer agora. Antes tamén se vendía desde o Concello que non se ían a derrubar casas e ao final o BNG tiña razón”, afirma o portavoz municipal do BNG.

Ao BNG de Foz preocúpalle principalmente que este Plan non sexa equitativo e que non trate igual a todos os veciños. O Alcalde de Foz debe dar algunha explicación de porque situacións urbanisticamente idénticas reciben solución diferentes, non deixando unha sola área do Concello no que o agravio comparativo non este presente. Así, por poñer un exemplo, na zona de Folgueiras, dúas vivendas colindantes, son tratadas de diverso xeito, unha delas é excluída da área de solo urbano non consolidado e por conseguinte clasificado como solar e a outra recebe a consideración de solo urbano non consolidado, pasa a quedar afectado no polígono co que significa en canto ao seu posterior derrube no desenvolvemento da área en cuestión. O portavoz municipal, Xan Carlos González Basanta indicou que “unha visual ao PXOM deixa claro que ao Alcalde parécelle correcto a clasificación do solo en función do cliente e atendendo ao que determina o rexistro da propiedade”. Pero hai tamén casos como na área do ámbito de protección especial do Campo e da Praza, onde curiosamente son excluídas algunhas parcelas significadas sendo incluídas todas as demais, que ademais de ficar cunha edificabilidade ridícula vanse ver obrigadas a cargar cos custes de urbanización da zona.

O BNG é claro e rotundo: non imos dar por bo un PXOM que se fai con dúas varas de medir, unha para os que teñen influencias e poder e outra para a maioría dos veciños, ata o punto de que se procede a clasificar como solares áreas enteiras de solo que carecen dos servizos urbanísticos necesarios para ter esa consideración. Estamos falando para exemplificar dalgunhas terras baldías en Forxán ou o mesmo na zona de Mansín en Vilaxoane, onde tamén se cualifica como urbano consolidado solares que carecen de beirarrúas e saneamento.

Outras das grandes desigualdades urbanísticas que se dan é coa delimitación de areas de solo urbano consolidado, onde se inclúen ou exclúen vivendas e predios sen ningún criterio obxectivo. Así atopámonos con cousas curiosas como areas de solo que no anterior documento de 2007 eran considerados como urbano consolidado e hoxe pasan a ser clasificadas como urbano non consolidado, co único cambio que antes eran de promotores e agora son de particulares. E por rematar referirnos as aliñacións dos viarios, onde nos atopamos rúas que en menos de 50 metros pasan dun ancho de viario de 14 metros ao outro de 19 metros deixando moitas vivendas fóra de ordenación. Sen esquecer que a practica totalidade de Avenida da Mariña queda fóra de ordenación, con fondos que de 14 a 7 até chegar a altura do terreo onde se situaba o cine onde se manteñen os 20 metros. “Se todo isto non é discrecionalidade urbanística, non sei que pode selo”, declara Basanta.

O Portavoz do BNG destacou que “o compromiso do BNG reafirmado na asemblea local que os nacionalistas mantiveron esta semana para falar do Plan Xeral é darlle ao conxunto da sociedade focega unha información veraz como fixemos no anterior PXOM e moi particularmente defender un modelo de ordenación urbanístico que poña freo a discrecionalidade na clasificación do solo, ao amiguismo e a un urbanismo á carta como se fixo ata o día de hoxe no Concello Foz. Non hai un problema de ausencia de edificabilidade para poder ordenar urbanisticamente Foz, o que hai é un problema de falta de vontade política e unha orde de prioridades que leva ao Alcalde e ao Grupo de Goberno a dar por bo un urbanismo que defende intereses particulares fronte ao que debe ser, a defensa dos intereses xerais de todos os veciños”.

Exit mobile version