Site icon Crónica3.com A Mariña

O BNG de Foz pregúntalle ao Alcalde se o Asilo de Anciáns merca os medicamentos dos seus residentes en farmacias da localidade ou pola contra está mercando fora de Foz

Foz, 3 de Outubro de 2013. O Bloque Nacionalista Galego de Foz rexistrou un paquete de preguntas para a súa resposta escrita por parte do Alcalde a fin de aclarar dúbidas vinculadas á xestión do Asilo de Anciáns na perspectiva de garantir que os residentes se atopen nas mellores condicións de atención. Debemos considerar de que estamos diante da única dotación coa que contan os nosos maiores no concello e máis aínda cando a Residencia prometida pola Consellaría de Traballo e Benestar parece que vai para longo.

“Debido precisamente a esta situación deficitaria que ten Foz en canto a prazas residenciais para maiores, correspóndelle ás administracións públicas garantir unhas condicións de estancia razoables aos residentes dunha institución –como é o asilo- que sempre foi do pobo de Foz. Non estamos falando de luxo, estamos falando de servizos básicos para maiores -como pode ser a calefacción- e nese sentido é por onde o Concello debe priorizar as súas demandas de inversión e mesmo a fin de garantilas, aparcar outras” afirmou Basanta. Dando isto por asentado, o BNG de Foz cre que o Alcalde na súa condición de máximo representante dos veciños de Foz pero tamén de representante do Concello no padroado debe aclarar as dúbidas que poidan darse na veciñanza ao respecto. Neste sentido queremos que nos certifique as achegas que o Concello de Foz fixo no que vai de 2013 ao asilo de Foz e se as estas foron suficientes xunto coas achegas dos residentes e doutras institucións para manter o funcionamento normal do mesmo e tamén a canto ascendeu o gasto en calefacción e en que período funcionou este servizo. Sexa como for, hai unha cuestión que non ten discusión: o Concello de Foz ten que poñer todo o que poida da súa man para que o Asilo teña un funcionamento axeitado ás necesidades das persoas de Foz e doutras localidades veciñas.

Na mesma liña o Portavoz do BNG na Corporación de Foz expresou a súa preocupación polas consecuencias que o copago farmacéutico poida estar a ter entre os residentes, de xeito moi concreto se o mesmo xerou que algún residente se poida ver excluído dunha medicación por razóns do seu custo. “Así queremos que o Alcalde de Foz nos clarifique en canto se situou o gasto farmacéutico no Asilo de anciáns en 2013 e en que medida incidiu o copago na economía do centro e no tratamento dos residentes” sinalou Basanta que afirmou que “non é casual que situemos esta pregunta encima da mesa á vista de que a totalidade dos estudos elaborados desde ámbito médico e económico non deixan dúbidas que a austeridade é un factor de risco para a saúde especialmente nas persoas maiores”.

Xa por último os nacionalistas indicaron que “o Asilo de Anciáns é unha actividade que debemos situar no que en economía denominamos terceiro sector ou economía do benestar, sendo no Concello de Foz un dos centros de traballo máis importantes tanto en man de obra ocupada como en facturación e sobre todo pola incidencia que ten na demanda agregada, pénsese no impacto que ten no comercio sexa da alimentación, do téxtil, na propia distribución de gasoil ou no farmacéutico. Así en relación con este último aspecto demandamos que o Alcalde nos aclare na súa condición de representante do Concello no Padroado a relación de farmacias de Foz onde mercou o Asilo de Anciáns as menciñas para os seus residentes no 2013 así como daquelas farmacias doutras localidades, no caso de que se dera este suposto, no que fixo compras, explicitando a contía facturada nas mesmas e indicando, no caso de se dar, de que localidades de fora de Foz eran estas farmacias que serviron menciñas ao asilo”.

Exit mobile version