Site icon Crónica3.com A Mariña

O BNG de Viveiro presenta ante a corporación local varias preguntas e un rogo relativo á seguridade dos cidadáns

O representación do Grupo Municipal do Bloque Nacionalista Galego de Viveiro, Bernardo Fraga Galdo, ven de presentar ao Pleno da Corporación Municipal de Viveiro as seguintes

PREGUNTAS

1. Varias veciñas e veciños de Viveiro trasladáronlle a este Grupo Municipal a súa preocupación pola seguridade cidadá nas rúas de Viveiro, logo dos últimos acontecementos. ¿Ten coñecemento o Goberno Municipal desta situación? De ser así, ¿que medidas vai adoptar o goberno municipal para mellorar a seguridade das veciñas e veciños do noso Concello?

2. O xerente do coñecido comercio de roupa “Novo” que ata fai pouco máis dun ano existía na Praza de Lugo, e que pechou pola xubilación do mesmo, doou ao Concello de Viveiro un mural de Neira Brochs coa condición de que fora colocado nun lugar público do Concello. ¿Onde se atopa o mural a día de hoxe? ¿Onde e cando está prevista a súa colocación, posto que máis dun ano despois da súa doazón, aínda non foi colocado?

3. Existe un decreto, o 245/2003 (DOG 89, venres 9 maio 2003), polo que se regulan as normas de seguridade nos parques infantís. Trátase de normas mínimas de seguridade e prevención de accidentes nos parques infantís e áreas de xogo, e son de aplicación para as instalacións de uso público independentemente da súa titularidade. ¿Está o concello ao tanto da existencia desta normativa? ¿Existe un programa de revisións anuais tal como marca a mesma? ¿Ten consciencia o concello de que ningún dos parques infantís do concello cumpre con esta normativa nos seus puntos principais? (situación, accesibilidade e uso, elementos auxiliares, sinais, seguridade, marcado e mantemento e conservación)

4. Existe unha instrución IS-33 do Consello de Seguridade Nuclear, publicada no BOE do 26 de xaneiro de 2012, relativa aos criterios radiolóxicos para a protección fronte a exposición á radiación natural.
Nesta instrución indícase que os titulares das actividades laborais deben realizar os estudos necesarios a fin de determinar se existe un incremento significativo da exposición dos traballadores o dos membros do público que non poida ser considerada despreciável dende o punto de vista da protección radiolóxica.
No apartado cuarto da devantida instrución especifícase que por lugares de traballo con elevada permanencia de membros do público están incluídos os centros de educación infantil, primaria e secundaria.
¿Está o concello ao tanto destas revisións? ¿Existe un programa de revisións que garanta a non exposición dos traballadores do concello e os nenos á radiación natural? ¿Esíxese aos centros de educación privados do concello estas medicións?

ROGOS
En Lodeiro, a carón da pista deportiva colocada para os nenos, existe un solado de madeira, que ten varias táboas rotas. Na zona xogan moitas nenas e nenos, a temos constancia de dous casos nos que sufriron lesións polo mal estado da zona. Así mesmo, existen uns palets, que supoñen un perigo, e numerosos clavos polo chan na zona da explanada entre o ambulatorio e o centro comarcal. Esta situación supón un perigo para a súa seguridade e para que non se volvan a repetir lesións por esta situación. ROGAMOS ao goberno municipal a súa inmediata reparación.

Exit mobile version