Site icon Crónica3.com A Mariña

O BNG preguntou no pleno pola exclusión de Xove do programa autonómico de redución do abandono escolar dotado de 70.000 euros

O voceiro municipal do grupo nacionalista en Xove preguntou no debate plenario celebrado onte na Casa do Concello sobre as razóns da exclusión do alumnado de Xove das axudas anunciadas polo Partido Popular para seis concellos da nosa bisbarra co obxecto de potenciar o programa de redución do abandono escolar. Marco López criticou que o Goberno galego achegue 70.000 euros para financiar actividades en diferentes municipios da Mariña e que Xove non reciba nin un céntimo deses cartos por non ter solicitado esta subvención.

Nesta liña, os nacionalistas presentaron un rogo para que desde o Concello de Xove se preste a máxima colaboración cos centros escolares do municipio á vista do peor comezo de curso que se recorda, coa supresión do dereito a comedor gratuíto a todo o alumnado con dereito a transporte e a inseguridade na aplicación do decreto de comedores escolares, co estabelecemento dun repago de 4,5 euros por pícaro e o consecuente mercantilismo desta parte esencial da educación obrigatoria dos menores. O portavoz do grupo municipal do Bloque manifestou que “a Xunta si que se acorda de Xove para que as familias paguen 90 euros ao mes polo comedor, pero non para recibir subvencións que poidan previr o abandono escolar”.

Noutra orde de cousas, o BNG tamén interrogou o goberno local coa finalidade de saber se os envases de plástico, latas e briks que se botan no colector amarelo son finalmente reciclados ou, polo contrario, reciben o mesmo tratamento que o lixo do colector xenérico. Tamén se interesaron pola acumulación de plásticos e rodas nun monte situado na traseira do campo municipal de fútbol, concretamente no acceso ao depósito, e mais preocupáronse polo remate da limpeza e baldeo das beirarrúas na Avenida Deputación.

Por último, desde o Bloque amosaron o seu malestar polo feito de que ningún concelleiro ou concelleira do Partido Popular asistira ao convite da Asociación de Emigrantes Retornados da Mariña feita a todos os concelleiros da corporación para unha reunión informativa celebrada o pasado venres. Unha xuntanza na que Marco López expresou o apoio do seu grupo municipal ás demandas dos emigrantes e, asemade, criticou a ausencia dos populares xovenses. Un feito que non lle gustou ao alcalde do Vicedo, a quen Demetrio Salgueiro designou como “representante oficioso de Xove” para que falara na reunión no seu nome. Jesús Novo, anoxado pola crítica realizada por Marco López, insultou o dirixente nacionalista e, tras pedírenselle explicacións pola súa actitude, ratificou os seus insultos en repetidas ocasións nunha actitude que o portavoz xovense do BNG cualificou de “propia de pícaros” e “ausente das máis elementais normas de cortesía”.

Exit mobile version