Burela, a 9 de outubro de 2013. O BNG de Burela vén de realizar as xestións necesarias para que, no vindeiro pleno municipal, Mario Pillado Mon tome posesión como concelleiro da formación nacionalista na corporación burelá. O novo concelleiro, accede ao posto “co compromiso de ser a voz do nacionalismo en Burela e de estar ao servizo dos intereses da maioría dos veciños e veciñas.”
A elección de Pillado como a persoa que representará ao BNG nos plenos municipais, prodúcese tras a renuncia de varias das persoas que conformaban a candidatura presentada hai dous anos por “imposibilidade persoal das mesmas para afrontar o traballo municipal coa adicación e a intensidade que require”. Desde a formación frontista en Burela agradecen a todas as persoas que fixeron posible que, coa toma de posesión de Mario Pillado, se continúe co proceso de renovación que iniciou o BNG en Burela hai xa algúns meses coa elección dun novo e renovado Consello Local.
O novo concelleiro: un mozo implicado no tecido deportivo e social
Mario Pillado Mon, de 29 anos, é natural de Burela e licenciado en Enxeñaría Química. A súa implicación social teno convertido nun referente do deporte de base en Burela, pola súa participación nos equipos de fútbol sala da vila.
En canto á súa actividade política, Pillado representa a renovación que se ven facendo no BNG, tamén en Burela. E xa ten concurrido nas candidaturas das pasadas eleccións galegas.