Un cento de fotografías foron recibidas para a participación na III edición do certame fotográfico “Enfocando Barreiros” que este ano levou por tema “O rural barreirense no obxectivo”, promovido polo Colectivo Cultural Ollomao de Barreiros. Dende a organización do concurso destacan a alta participación no mesmo e a variedade das obras recibidas. Asimesmo, destacan tamén a alta participación de nenas e nenos na modalidade infantil cunha ampla selección de fotos que dan boa mostra da diversidade rural do concello barreirense.
O xurado do certame, ao igual que en edicións anteriores, está formado por profesionais da fotografía como son Pepa Losada, do xornal La Voz de Galicia; José María Álvez, de El Progreso; Xulio Villarino, que tén realizado numerosos viaxes fotográficos; José Reigosa, barreirense cunha longa traxectoria na realización de exposicións e documentais; e José María Pérez Rielo, médico exercente en Barreiros aficionado á fotografía e con varios premios e exposicións no seu haber. Os premios correspondentes ás obras gañadoras, 250€ para o primeiro premio da modalidade adulta e 150€ para o segundo, e unha cámara fotográfica para o modalidade infantil, serán entregados o día 11 de Outubro ás 21:00h. no centro social de Cabarcos, situado a carón da pista da festa desta parroquia. A elección do espazo para o acto de entrega de premios non é casual dado que o Colectivo Cultural Ollomao leva dende a súa fundación traballando pola posta en valor e recoñecemento do rural barreirense e por dar a coñecer a parte interior do concello.
Universidade Rural de Barreiros
Xunto co anterior está tamén relacionada a Universidade Rural de Barreiros, iniciativa do colectivo barreirense recentemente presentada que pretende recuperar o uso das escolas rurais coa impartición de cursos con contidos propios do ensino superior e/ou universitario, a cal está a ser un éxito nas redes sociais.