Site icon Crónica3.com A Mariña

O Concello de Burela abrirá a urbanización de Torrentes ao tráfico cando se poña en marcha o alumeado público

Burela, 26 de outubro de 2013. O Concello abrirá a unidade de actuación de Torrentes ao tráfico cando se poña en marcha o alumeado público, segundo o alcalde, José Mª González Barcia, que asegurou que “non podemos abrila nas condicións actuais porque estaríamos a actuar de forma bastante neglixente e irresponsable”. O equipo de goberno agarda que os trámites legais e administrativos non se demoren moito tempo.

O rexedor dixo que “a apertura da urbanización estase a demorar, a pesares de que a acta de recepción xa se firmou, porque estamos a tramitar os permisos correspondentes para poñer en marcha o alumeado público”.

González Barcia explicou que “evidentemente non se pode abrir a unidade de actuación de Torrentes sen ter o alumeado público operativo, porque podería ocorrer algún tipo de accidente con coches ou peóns, e ao non haber alumeado público polo menos nas interseccións das rúas e nos pasos de cebra atopámonos diante dun tema serio. Este é un tema que se está a demorar”. O alcalde burelés subliñou que “o Concello está tentando axilizar todos os trámites, pero tampouco está nas nosas mans a solución final. Como hai moitas partes implicadas tentamos axilizalo todo ao máximo posible. Tampouco lle achacamos ningunha responsabilidade a ninguén. Todos estamos a facer todo o posible para que a urbanización se abra canto antes, pero os trámites hai que realizalos”. José Mª González Barcia recoñeceu que “estamos diante dunha obra que ten unha certa complexidade e os pasos legais e administrativos para poñer o alumeado en funcionamento e abrir ao público a unidade de actuación hai que dalos”.

O rexedor de Burela comentou que “cando todo estea resolto, que esperamos e confiamos en que sexa o antes posible, abrirase ao tráfico a unidade de actuación, pero o que non podemos facer á abrila nas condicións actuais porque estaríamos a actuar de forma bastante neglixente e irresponsable”. E engadiu que “como non queremos que haxa problemas coa unidade de actuación esperaremos a que o procedemento administrativo e de autorizacións técnicas conclúa. Que ninguén se alarme porque no momento no que estea todo resolto abriremos a unidade de actuación ao tráfico”.

Exit mobile version