Site icon Crónica3.com A Mariña

O Concello de Burela recibirá 30.450 euros da Consellería de Medio Rural para a adecuación de camiños

Burela, 1 de outubro de 2013. O Concello recibirá 30.450 euros para a adecuación de camiños. Será a través da partida que a Consellería de Medio Rural lles asigna aos Concellos galegos para este fin. O alcalde, José Mª González Barcia, asegurou que o equipo de goberno está a preparar o proxecto a presentar nuns días diante da Xunta cos vieiros a arranxar.

O rexedor explicou que “no DOG deste luns saíu a cantidade que a Consellería de Medio Rural e Mar asigna a cada un dos Concellos galegos para a adecuación de camiños. Ao de Burela fóronlle asignados 30.450 euros”. E sinalou que “nestes momentos estamos a perfilar que camiños imos incluír no proxecto que temos que presentar diante da consellería”.

González Barcia dixo que “estas obras véñennos moi ben porque o que nos fai é que nos libera cartos aos Concellos, por dicilo dalgún xeito, aforramos cartos e o máis probable é que melloremos camiños que son dos máis usados. Agora mesmo no centro do pobo xa non queda practicamente ningún, pero si nas inmediacións. Estamos a barallar o arranxo dun camiño, pero na parte norte da variante, é dicir pegado á variante, pero cara o mar”.

O alcalde indicou que “estamos a preparar toda a documentación, porque hai quince días naturais para presentala. O 15 de outubro ten que estar todo entregado”. E tivo palabras de agradecemento para a Consellería de Medio Rural “polo esforzo que fixo nos momentos actuais para que os Concellos poidamos dispoñer de fondos para a reparación de camiños”.

Exit mobile version