Site icon Crónica3.com A Mariña

O Concello de Burela recibiu unha subvención de 30.550 euros a través do PEIM 2013/2014

Burela, 10 de outubro de 2013. O Concello recibiu unha subvención de 30.550 euros para o arranxo de camiños e pistas rurais. O equipo de goberno destinará esa partida a realizar catro obras, que deberán estar rematadas antes do 30 de xuño de 2014, segundo deu a coñecer esta mañá o alcalde, José Mª González Barcia. Este acordo foi adoptado na xunta de goberno desta semana na que tamén se aprobou a obra que o Concello incluirá no POS da Deputación de Lugo deste ano.

O rexedor explicou que “o primeiro acordo ten que ver co plan de equipamentos e de infraestruturas no medio rural, o PEIM, dos anos 2013 e 2014. A Consellería de Medio Rural publicaba hai uns días a relación de axudas que os Concellos galegos terán para levar a cabo obras de acondicionamento nos camiños rurais”. Ao Concello de Burela foille concedida unha subvención de 30.550 euros para o arranxo de camiños e pistas rurais, obras que terán que estar rematadas o 30 de xuño de 2014.

González Barcia sinalou que “nós meteremos con cargo a ese plan o acondicionamento do camiño da gardería ao paso soterrado que hai nas proximidades da variante; queremos rematar o camiño das Ribeiras; imos acondicionar un camiño pola zona de Foxo e tamén o entronque da pista do Castelo coa estrada da Deputación á altura do cemiterio, unha conexión que está en moi mal estado e que agora mesmo presenta unha situación incluso perigosa para o tráfico rodado”. O rexedor burelés engadiu que “estas obras é moi probable que se realicen durante o vindeiro ano, agardaremos a que veña o bo tempo, porque a época na que estamos pode complicar todos traballos debido ao empeoramento das condicións meteorolóxicas”.

O alcalde tamén contou que “se aprobou a memoria valorada da obra que o Concello de Burela incluirá no plan de obras e servizos da Deputación de Lugo para este 2013. Trátase dun bombeo de augas residuais que imos situar nas proximidades do campo de fútbol de herba artificial e que servirá no seu día para atender o saneamento dos vestiarios e dos servizos hixiénicos que alí se queren instalar”. Esta obra ten un presuposto aproximado de 22.000 euros e está financiada ao 50% pola Deputación de Lugo e polo Concello de Burela.

“A nosa intención é que no momento no que a Deputación nos conceda a pertinente autorización poder abordar xa de forma inmediata esta actuación, porque entendemos que é unha obra moi positiva para as instalacións deportivas do campo de fútbol da Marosa, tanto no que se refire ao campo de herba artificial coma ao outro”, indicou González Barcia.

Exit mobile version