Site icon Crónica3.com A Mariña

O Concello de Cervo entrega os cheques das axudas para libros e material escolar por un importe total de 1.600 euros

cheques_materialCervo, 21 de outubro de 2013-A delegación de Educación, que dirixe Pilar Armada, entregou este luns os cheques correspondentes ás axudas para libros e material escolar dirixidas ao alumnado de segundo ciclo de infantil para o curso 2013-2014. Nesta convocatoria son 18 os beneficiarios e 1.600 euros o importe total concedido.

Cabe destacar que todos os solicitantes que cumprían os requisitos obtiveron a axuda. De feito, o Concello habilitara unha partida de 5.000 euros nos orzamentos deste ano para garantir a concesión de subvencións a todas as familias que se axustasen ás bases da convocatoria.

Unha subvención que o Concello vén concedendo nos últimos anos a aquelas familias con fillos cursando segundo ciclo de infantil (de 3 a 5 anos) en centros educativos públicos do municipio. Estas axudas están financiadas ao 100% con fondos municipais.

Axudas ao transporte
Ao mesmo tempo, a delegación de Educación lembra que o prazo para presentar as solicitudes para as axudas ao transporte escolar segue aberto ata o día 31 deste mes.
Este ano, hai unha novidade importante xa que o Concello incrementou o importe destas axudas, que pasan de 150 euros por solicitante a 200 euros. En canto aos detalles da subvención, cabe lembrar que se trata dun pagamento único de axuda ao transporte escolar para alumnos cervenses que cursen os seus estudos fóra de Cervo, sempre que se trate de ensinanzas que non se imparten en centros do municipio.

En concreto, poden optar a elas estudantes de Bacharelato na modalidade de artes, ensinanzas universitarias, formación profesional de grao medio e superior, ensinanzas profesionais de artes plásticas e deseño de grao medio e superior, ensinanzas deportivas de grao medio e superior, artísticas superiores ou impartidas en conservatorios e escolas de música. Todos os detalles da convocatoria pódense consultar no anuncio do Boletín Oficial da Provincia na seguinte ligazón ou acudir á Casa do Concello para máis información: http://ow.ly/oGV09.

Ademais destas dúas liñas de axuda “de apoio ás familias” segundo Armada, o Concello vén entregando outras subvencións relacionadas co ámbito educativo, en concreto aos centros escolares e ás ANPAS.

Exit mobile version