Site icon Crónica3.com A Mariña

O Concello de Xove mellora un vial de acceso en Vilachá

MELLORA DE ACCESO EN VILACHÁ (2)Esta obra tivo por obxecto a reforma e mellora dun vial en Vilachá, na Parroquia de Portocelo, así como a reposición dos muros de mampostería existentes por compensación de cesión de terreo. Dentro da obra, a intervención máis importante foi a creación nunha das marxes do vial dun muro escolleira de pedra, duns 3 metros de altura, en toda a súa extensión, o que lle dá unha gran unicidade á obra. Na propia construción da escolleira, sinalar a integración dun cabazo existente, o cal se recuperou e encardinou perfectamente no conxunto da intervención.

A obra incluíu tamén a renovación do saneamento de pluviais, con novas arquetas e as canalizacións correspondentes. Por último, dotouse ao vial en toda a súa extensión dun novo aglomerado.

Outro obxectivo desta obra, ademais de ampliar e mellorar os accesos, foi o de integrar a obra no entorno, constituído por casas tradicionais de pedra, típicas da zona, de aí que o material máis empregado, loxicamente, fose a pedra. Pois ben, este obxectivo cremos que foi conseguido plenamente. Ademais hai que reseñar que a intervención realizada polo Concello serviu de estímulo e acicate aos veciños, os cales, pola súa parte, realizaron tamén obras de mellora nas súas casas (pintado de fachadas) e o seu entorno (reparación e integración de muros, etc.), o que contribuíu inda máis a darlle unha estética única a toda a zona. Podemos, polo tanto, falar dunha rehabilitación integral desta área, sumándose a intervención veciñal á intervención municipal.

O investimento nesta obra foi de 57.570 €, aos que hai que engadir o custo do aglomerado, o cal formou parte dun proxecto de aglomerados de varios viais do Concello.

Exit mobile version