A concelleira tamén destacou que este 20% de inserción se produce despois de que o alumnado realizase as prácticas en centros xeriátricos incluídas no curso. Armada tamén fixo fincapé en que se trata “das contratacións máis inmediatas” pero lembra que “haberá que agardar uns meses para coñecer os resultados reais de acceso ao mercado de traballo desta acción formativa”.
Ao curso, que arrincou no mes de xullo, acudiron 15 persoas desempregadas que recibiron formación durante 318 horas. En concreto, o alumnado recibiu formación teórica e tamén práctica, tanto en aula como en centros xeriátricos.
Este curso desenvolveuse a través dunha subvención da Consellería de Traballo e Benestar co obxectivo de proporcionarlle ao alumnado coñecementos e experiencia neste campo que lle permita desempeñar un traballo na área profesional dos coidados auxiliares.
Cabe lembrar que o Concello ten en marcha tamén outro curso, neste caso de atención sociosanitaria a persoas dependentes en institucións sociais, no que participan 15 persoas desempregadas e que se imparte na antiga escola obradoiro de Cervo. Neste caso, a acción iniciouse a finais de agosto e rematará o 29 de novembro despois de 478 horas de formación. Un curso que tamén financia ao 100% a Xunta de Galicia.