Site icon Crónica3.com A Mariña

O Museo de Lugo abre as súas portas con normalidade tras a marcha da colección Álvaro Gil

Lugo, 24 de outubro de 2013. Este xoves, o delegado de Cultura e Turismo da Deputación de Lugo, o nacionalista Mario Outeiro, compareceu en rolda de prensa para informar do proceso de levantamento das pezas da colección Álvaro Gil, que se produciu nesta xornada, data fixada oficialmente a partir da cal se podía proceder ao seu levantamento, a pesar de que na última xuntanza realizada o venres entre a Deputación e a familia de Álvaro Gil, o representante desta última solicitara á Deputación a posibilidade de retrasar até a vindeira semana este proceso.

Tal e como informou Mario Outeiro, pese a que a Deputación puxera da súa parte todas as facilidades para que a familia de Álvaro Gil procedese ao levantamento, e os representantes da familia afirmaran que agardarían á semana que vén para proceder ao traslado das pezas, decidiron finalmente que sería este xoves sen comunicalo previamente nin á institución museística nin ao propio delegado de Cultura e Turismo. Malia isto, non supuxo ningún inconveniente e todo transcorreu con normalidade xa que desde a Área de Cultura e Turismo e o Museo se tiña deseñado o protocolo de actuación para este proceso, que requiría pechar por estritas razóns de seguridade o Museo, e que se abriu con normalidade unha vez rematado o traslado. O propio delegado de Cultura e Turismo supervisou in situ o proceso de levantamento das pezas que se alongou durante toda a mañá.

Mario Outeiro informou aos medios de comunicación que desde a Deputación procedeuse sempre desde a máxima legalidade, informando do levantamento tanto á Xunta de Galiza como ao Ministerio de Cultura, cumprindo polo tanto con todos os trámites en tempo e forma. No momento de proceder ao levantamento asinouse unha acta para dar fe da situación que será remitida tanto á Xunta de Galiza como ao Ministerio de Cultura.

O delegado de Cultura quixo facer fincapé en que malia que é un día triste para todo Lugo pola importante perda cultural que supón que estas pezas non poidan ser exhibidas na súa casa, onde permaneceron as últimas catro décadas, o Museo de Lugo segue a ser a casa de todos os lucenses e nel existen moitas outras pezas que aportan o seu valor histórico, artístico e patrimonial. O Museo continuará coa normalidade absoluta a desenvolver o traballo que o caracteriza: ser un museo aberto a todas e todos, cunha clara vocación didáctica e divulgativa, e non un mero almacén de cousas antigas, grazas ao cal obtivo en numerosas ocasións o recoñecemento pola súa forte aposta na programación de actividades pensadas por e para todos e todas.

Exit mobile version