Site icon Crónica3.com A Mariña

O PP censura que “o desmantelamento do Museo é a consecuencia de ter un presidente que só traballa pola súa carreira política”

Lugo 24 de outubro de 2013.- O Grupo Provincial do Partido Popular censura que se estea a dar un dos “negativos froitos” de que Lugo non teña “un goberno da Deputación centrado nos problemas da provincia”. Unha situación que levou aos populares a manifestar de forma contundente que “o desmantelamento do Museo Provincial é a consecuencia de ter un presidente que só traballa pola súa carreira política”.

“Non se pode consentir que Lugo siga sen presidente e cun equipo de goberno que amosa unha absoluta incapacidade ante os asuntos relevantes da provincia”, aseguraron dende o GPP despois de ter coñecemento esta mañá de que a familia de Álvaro Gil comezou a retirar unha colección que representa o patrimonio cultural lucense.

Os populares solicitaron en reiteradas ocasións que José Ramón Gómez Besteiro explicase as actuacións que dende a Deputación Provincial se estaban a promover para chegar a un acordo cos herdeiros de Álvaro Gil. Unha petición que non foi atendida polo socialista, que se “agocha tras os seus socios de goberno ante situacións que demandan a implicación do máximo responsable do ente provincial”.

Dende o Grupo Provincial Popular non chegan a entender a ausencia de José Ramón Gómez Besteiro ante esta situación e explican que a súa falta de xestión suponlle aos lucenses un custo de entorno a 600.000 euros para o pago das costas xudiciais, ademais de privalos dunha colección de gran valor.

Petición de explicacións
Coa evolución que sufriu a situación e tras que Lugo estea a perder esta colección; os populares esíxenlle a José Ramón Gómez Besteiro que dea a cara e explique as actuacións que promoveu para que esta situación non sucedese.

José Ramón Gómez Besteiro debe aclarar as razóns que provocaron que durante seis anos o socialista non fose quen de chegar a un consenso coa familia de Álvaro Gil, para a preservación do legado, matizan dende o GPP; ao tempo que conclúen que “o que está claro é que o presidente da Deputación Provincial de Lugo atópase máis interesado pola súa proxección persoal, que por dar solución aos problemas que afectan a provincia”.

Exit mobile version