Site icon Crónica3.com A Mariña

O premio “Alma da Artesanía” enxalza a calidade do produto feito á man na Mariña lucense

Foz, 2 de outubro de 2013. Este mércores foi presentado en Foz o premio “Alma da Artesanía”, que recoñece a calidade e a excelencia dos creadores artesáns da Mariña lucense, da man do director de Competitividade de Turismo de Galicia, José Luís Maestro, en representación da Mancomunidade de Concellos da Mariña Lucense e os artesáns Alfonso Otero Regal e Lucía Catuxo.

Este galardón está dotado con 1.000 euros en cadansúa categoría, Artesanía Tradicional e Artesanía Contemporánea, e pretende enxalzar a capacidade de innovación e de adaptación do feito á man, así como a aposta polos produtos tradicionais e contemporáneos para achegar as súas obras aos novos consumidores.

Poderán optar a este premio os creadores que desenvolvan a súa actividade na Mariña, presentando un máximo de tres pezas, con temática e técnica libres. Haberá ademais 10 premios adquisición, 5 en cada unha das categorías, cun máximo de 300 euros por peza; e un premio Regal Cerámica para realizar un conxunto de obras que se poderán exhibir na sala do artesán Alfonso Otero Regal en Viveiro. A data de presentación de candidatura estará aberta ata o 15 de outubro, e as bases están dispoñibles na web www.obradoirosconalma.com.

Convenio de promoción turística da Mariña
Esta actividade forma parte do conxunto de iniciativas que se recolle no convenio asinado en xullo entre a Axencia Turismo de Galicia e a Mancomunidade de Concellos da Mariña Lucense. A directora de Turismo de Galicia, Nava Castro e o presidente da Mancomunidade, Alfonso Puente, ratificaron este proxecto común para o desenvolvemento de produtos turísticos na Mariña. O convenio conta cun orzamento de 100.000 euros, dos que 15.000 son achegados pola Mancomunidade e o resto por Turismo de Galicia.

Ademais do devandito premio Alma da Artesanía, vanse celebrar diversas actividades, entre elas o II Mes da Maxia, que comezará o vindeiro 18 de outubro e que durará ata o 10 de novembro. Unha proposta para toda a familia, grazas á programación de ceas en restaurantes seleccionados da Mariña, que estarán amenizadas polos mellores magos de Galicia. Trátase dunha oportunidade para gozar da riqueza gastronómica da Mariña e achegarse á maxia, coa oportunidade de interactuar cos propios magos. O calendario de actuacións, que comeza en dúas semanas, está dispoñible na web: www.mesdamaxia.com.

Ademais, continuarase coa promoción das Rutas de Artesanía, unha oferta turística innovadora que toma como valor diferencial a riqueza das actividades artesanais da Mariña, o que constitúe un polo de atracción para os visitantes. A través da web www.amariñaturismo.es/alma e das redes sociais, promoverase a divulgación destas rutas e do saber dos artesáns, para gozar dunha alternativa no sector turístico.

Unha das liñas máis innovadoras que recolle este convenio é a posta en marcha dun novo produto turístico, a Rota do Mar, un percorrido vinculado ao Camiño de Santiago que percorre esta zona da provincia de Lugo relacionándoo coa artesanía da zona.

Para darlle promoción a esta iniciativa, do 8 ao 10 de novembro haberá un itinerario pola Mariña lucense para a prensa, os operadores turísticos e as axencias de viaxes. Este “Famtrip” incluirá actividades ao aire libre, como o sendeirismo e rutas en bicicleta; visitas culturais, paisaxísticas e gastronómicas. Serán protagonistas os obradoiros de artesanía e haberá ademais tempo para os espectáculos de maxia.

Finalmente, terá unha parte relevante a formación dos profesionais implicados na relación co turista, para poder incrementar a calidade do servizo ofrecido. Por unha banda, ofrecerase un curso de atención ao cliente en inglés para profesionais da hostalería, cun perfil moi práctica de cara a poder interactuar cos visitantes chegados do estranxeiro; mentres que pola outra tamén se realizará unha acción formativa para axentes de policía local, xa que son uns dos corpos de referencia para os turistas e habitualmente non contan con formación específica para este campo.

Exit mobile version