Site icon Crónica3.com A Mariña

O PSdeG asegura que a Xunta “agudiza o seu castigo a Lugo” ó manter parados ou eliminar proxectos vitais para o seu progreso

Os deputados autonómicos do PSdeG-PSOE por Lugo fixeron este sábado unha primeira análise do Orzamento da Xunta para 2014, cos que, subliñaron,“a dereita de Feijóo agudiza o seu castigo á provincia, ó manter paralizados ou directamente eliminar os proxectos vitais para o seu progreso”. “Feijóo anunciou que estes serían os orzamentos menos restritivos dende que entrou na Xunta e que nos conducirían ó inicio da recuperación. Vistas as cifras reais, non podemos dicir máis que mentiu, pois, por moito que traten de maquillar e vestir os datos, para a provincia de Lugo son unha decepción e unha condena á parálise e ó retroceso”, asegurou a deputada socialistas no Parlamento Concepción Burgo.

A parlamentaria incidiu en que o Presidente da Xunta tivo hoxe unha boa ocasión para dar a cara e explicarlles ós lucenses “por que os deixa na estacada, negándolle oportunidades de desenvolvemento a unha provincia cun extraordinario potencial produtivo, sen ofrecerlle máis que resignación, autocomplacencia e desesperanza”.

Sen cartos para os servizos do HULA, nin para ampliar o hospital de Burela
A pesar das promesas do Goberno galego, o Orzamento de 2014 segue sen reservar cartos para dotar ó HULA de Radioterapia e Medicina Nuclear, pois, como explicou Concepción Burgo, “non aparece ningunha partida específica, nin sequera de investimentos en xeral para o hospital lucense, tampouco para os de Burela e Monforte. Na única consignación que poderían incluírse estes servizos é na denominada Diálogo Competitivo, pero os fondos previstos, de 2,6 millóns de euros, serían totalmente insuficientes para atender as necesidades dos outros hospitais galegos e a dotación de equipamento de Radioterapia e Medicina Nuclear no HULA”.

No caso da ampliación do Hospital da Costa, prometida por Feijóo ata en 6 ocasións dende que goberna e tralo anuncio da licitación dun Plan Director, o Orzamento volve a non contemplar especificamente investimentos para tal fin.

Desaparece o Museo da Romanización e a rehabilitación do cuartel de San Fernando
Por primeira vez, os presupostos da Xunta non recollen partida algunha para o proxecto do Museo da Romanización, nin tampouco para os traballos de rehabilitación do cuartel de San Fernando. Feijóo “ten abandonado por completo o patrimonio artístico de Lugo”, asegurou Burgo, pois tampouco figuran partidas “para manter a Muralla, Patrimonio da Humanidade”.

Freada para o auditorio de Lugo, o Plan Paradai e o acceso ó porto burelés
Aínda que a Consellería de Medio Ambiente asegurou nun comunicado este mesmo sábado que cos orzamentos de 2014 se lle daba “un impulso definitivo” ó auditorio de Lugo e ó Plan Paradai, “máis ben fan todo o contrario, certifican a freada ó que ten sometidos ambos proxectos”, indicou a deputada. Deste xeito, fronte ós 3 millóns de euros que a Consellería di que aumentou o presuposto para o auditorio, “a realidade é que só subiu en 700.000 euros, pois, nos orzamentos de 2013 tiñan pensado dedicarlle 7,4 millóns en 2014, e finalmente destinan 8,1”. A isto, súmaselle a drástica baixada que xa aplicaran este 2013, de 7 millóns de euros.

En canto ó Plan Paradai, “levan dous anos paralizándoo, pola súa falta de interese, a pesar de que traten, coma sempre, de buscar culpables fóra”. No orzamento de 2013, a Xunta prevía dedicarlle 3,2 millóns en 2014, e finalmente consigna 2,8, polo que a cantidade non é 7 veces maior, como di Medio Ambiente, senón só de 400.000 euros. En 2013 aplicaran unha rebaixa de 6 millóns de euros con respecto ó previsto.

No caso do porto de Burela, o proxecto leva paralizado dende que Feijóo está na Xunta, e sucéderonse os incumprimentos dos prazos anunciados. “A principios de 2011 dicían que as obras se retomarían no 2012, aínda que uns meses despois recoñeceron que non terían a consignación necesaria nos Orzamentos da Xunta dese exercicio, algo que tampouco ocorreu neste 2013. Agora, nestes presupostos prevén para 2014 unha partida de 800.000 euros, unha cantidade minúscula que certifica o parón desta infraestrutura fundamental para Burela”, subliñou o deputado mariñano José Ramón Val. A situación é “máis grave”, explicou, “tendo en conta que no Orzamento de 2013 prevían destinar 2 millóns de euros en 2014, que finalmente se quedaron, como podemos comprobar, en 800.000”.

Recorte para a conexión do porto seco e retraso das VAP da Mariña e Zona Sur
Para a execución da conexión do porto seco de Monforte desaparecen 3,5 millóns de euros, pois en 2013 a Xunta prevía consignar a esta infraestrutura 7 millóns de euros en 2014, e finalmente dedícalle 3,5, o que supoñerá un novo retraso. O deputado monfortino Vicente Docasar expresou ademais as súas dúbidas sobre “que porcentaxe do investimento prometido para 2013 –de 4,1 millóns de euros- foi realmente executado”.

Para a VAP Sarria-Monforte prevense 7,97 millóns de euros en 2014, que non compensan o recorte de 8,6 que o Goberno galego aplicou para este exercicio 2013. En canto a estes dous proxectos, Docasar destacou que a meirande parte dos fondos comprometidos son europeos, mentres que a Xunta achega “cantidades meramente simbólicas”. Ademais, engadiu, “a sensación que temos na comarca é que estas dúas obras tan necesarias vanse retrasado intencionadamente para rematalas en 2015, no entorno das municipais”.

No caso da VAP Costa Norte, o recorte “é brutal”, pois dos 7 millóns do pasado ano, a Xunta pasa a 1 millón en 2014, cando ademais as previsións de 2012 eran de 16,8 millóns en 2013 e 16,7 en 2014. Este descenso somete a “incerteza” a execución dunha estrada “fundamental para a vertebración das comunicación da Mariña”, afirmou José Ramón Val.

Exit mobile version