Site icon Crónica3.com A Mariña

O PSdeG esíxelle ós Gobernos do PP que se impliquen e reclamen ante a UE o reparto inmediato da nova cota de pescada

O deputado autonómico do PSdeG pola Mariña, José Ramón Val, voceiro de Pesca na Cámara galega, esixiu este venres ós Gobernos de Feijóo e Rajoy que se impliquen e se comprometan co sector pesqueiro da comarca e do resto de Galicia, e reclamen ante a Unión Europea o reparto inmediato da nova cota de pescada, despois de que o Consello da UE decidise aprazar esta decisión polo menos unha semana. Co aval de informes científicos, a Comisión Europea aceptou o venres pasado permitir a captura de 14.325 toneladas máis desta especie ata final de ano, das cales 4.019 serían para a flota española. Agora falta que ratifiquen a medida os Estados membros. O debate estaba previsto para onte, pero finalmente a UE decidiu retrasalo polo menos unha semana.

Ante esta situación, José Ramón Val advirte de que os 30 barcos e 200 tripulantes de Burela, Celeiro, A Coruña e Ondárroa que se viron forzados a amarrar hai dúas semanas ó esgotarse a cota de pescada “non poden esperar outra máis porque os pagos non esperan e o tempo esgótase, estamos ás portas de novembro”. “A distribución ten que facerse canto antes”, subliñou o socialista, quen esixiu dos Gobernos do PP, tanto a nivel galego, como estatal, “acción política” para reivindicar unha medida “economicamente imprescindible para a viabilidade do sector, pero tamén medioambientalmente posible, pois os informes científicos din que a pescada se adopta en niveis de rendemento máximo sostible, como tamén acreditan os propios profesionais do mar”.

Exit mobile version