Site icon Crónica3.com A Mariña

O PSOE de Cervo denuncia que o fin das xuntas de goberno é dotar aos edís asistentes dun salario encuberto para igualalos ás dedicacións parciais

CERVO, 31 DE OUTUBRO. Os membros do Grupo Municipal Socialista de Cervo denuncian que as Xuntas de Goberno no Concello teñen como único fin “dotar a certos concelleiros dun salario encuberto para igualalos ós que xa teñen unha adicación parcial. Mostra disto é a última acta que se nos transmite sen contido algún, sen sobrepasar os dous folios e con apenas tres asuntos dos cales un é a aprobación da acta anterior e os outros dous simplemente dar conta. Que nos expliquen o gran traballo dos edís asistentes e xustifiquen as dietas que se lles pagan”.

Tan sospeitoso é o caso que os socialistas lembran como no ano 2011, xustamente antes das últimas eleccións municipais, “de xaneiro a xuño, celebraron tan só cinco Xuntas de Goberno Local, cando a partir de ter formada a corporación, de xuño a decembro do mesmo ano, tiveron lugar 21 reunións deste tipo, catro veces máis que na primeira metade do ano”.

Neste senso, pregúntanse “é que antes o Concello non era dilixente ou é que dende as eleccións se teñen que pagar uns salarios a tódolos concelleiros do goberno teñan ou non adicación exclusiva ou parcial”.

Dende o PSOE de Cervo insisten no suposto dos salarios encubertos e demóstrano subliñando que “o ano pasado celebráronse 41 Xuntas de Goberno, o que supuxo un total de 6.150 euros anuais para cada un dos asistentes, cantidade que ven a equiparar as adicacións parciais que cobran algúns membros do equipo de goberno. No que vai de ano 2013 podemos cuantificar 32 Xuntas, co cal, parece que iremos polo mesmo camiño que no 2012”.

Califican a actitude como “un completo engano ós veciños”.

Resolucións e Xuntas
Despois de todo, acaban por facer referencia tamén ó que eles califican como “unha completa incoherencia. Cal é o motivo de que o ano pasado se recontasen un total de 747 resolucións da alcaldía cando todos eses asuntos se poden levar ás Xuntas de Goberno. Os concelleiros asistentes ás Xuntas cobran cantidade de dietas por asistir a elas e non facer case ou absolutamente nada, e mentres o alcalde chega a firmar máis de setecentas resolucións. Non se entende o motivo desta maneira de traballar doutra forma que non sexa pensar en salarios encubertos. Que den unha explicación clara e comprensible para este tema xa que polo momento nos parece inxustificable”.

Exit mobile version