Site icon Crónica3.com A Mariña

O público infantil de Cervo poderá acudir esta fin de semana a talleres de teatro, de manualidades e contacontos

Cervo, 7 de outubro de 2013-O Concello de Cervo deu a coñecer este luns as primeiras actividades incluídas no programa de outono de 2013 que se desenvolverán esta fin de semana. En concreto, dende venres ata domingo, ofreceranse eventos participativos para nenos e nenas que inclúen teatro, obradoiros e contacontos.

O venres arrincará o primeiro evento, o taller de teatro infantil, no que se poden apuntar os nenos e nenas de primaria ata o día 10 de outubro na Casa da Cultura. Polo momento xa se están superando os niveis de demanda con respecto a anteriores edicións. Esta actividade terá lugar todos os venres de outubro, novembro e decembro de 16:30 a 17:30 na Casa da Cultura, agás os festivos, e durante as sesións os nenos e nenas aprenderán a desenvolverse sobre o escenario, interactuando cos compañeiros e representando unha peza teatral.

O Ecomuseo de Cervo acollerá o sábado día 12 a partir das 12:30 horas un taller de outono dirixido a nenos e nenas de segundo ciclo de infantil. Unha actividade na que os pequenos realizarán manualidades con materiais e temáticas relacionadas coa estación do outono. Para participar tamén é necesario inscribirse, e para iso poderán acudir á Casa do Concello e á Casa da Cultura ata o día 11.

A fin de semana rematará co contacontos “Un día de outono”, a cargo do Rincón do Trasgo, que terá lugar o día 13 de outubro ás 17:00 horas na Casa da Cultura. Neste caso o público recomendado serán os nenos de infantil e primaria, que ao remate do contacontos poderán participar nun taller de manualidades de outono. Neste caso non é necesaria a inscrición.

Estas iniciativas inclúense nun programa máis amplo de actividades previstas para os meses de outubro e novembro que se dará a coñecer ao longo desta semana e no que traballaron en conxunto numerosas áreas do goberno local.

Exit mobile version