Durante o evento os asistentes aproveitaron para visitar as novas instalacións, financiadas ao 100% polo Goberno Autonómico, e que contan cunha superficie de máis de 1.600 metros cadrados. En concreto, a Xunta investiu 270.000 euros, polo que o rexedor agradeceu ao Executivo Galego a súa implicación neste proxecto.
Un Punto Limpo que foi construído sobre terreos municipais e que o Concello decidiu destinar a esta dotación por ser “moi necesario dispoñer dun lugar con todas as garantías medioambientais para que os veciños poidan depositar determinados residuos”. Un servizo “social e que fomenta o civismo e o coidado do medio natural”.
O mandatario cervense destacou a situación do Punto Limpo, no polígono de Cuíña, nun contorno industrial “totalmente axeitado para este tipo de instalación”. Ademais, trátase dunha ubicación idónea debido a súa proximidade coa nave de obras municipal, o que mellora a súa operatividade.
O Punto Limpo está sendo xestionado polo Concello, que é o encargado do seu funcionamento, dende a súa apertura, a distribución dos residuos nos distintos contedores, e o contacto cos distintos xestores autorizados que recollen, tratan e valorizan os residuos segundo as súas características.
Funcionamento
A delegación de Medio Ambiente do Concello de Cervo quere aproveitar ademais para dar información sobre o Punto Limpo co obxectivo de que a cidadanía o utilice correctamente. O horario de apertura é os martes de 8 a 10 h. e os xoves de 9 a 14 h. En canto ao tipo de residuos que se poden depositar, como norma xeral, son aqueles que non se poden botar nos colectores de recollida selectiva tradicionais, ben polo seu volume ou polos seus elementos contaminantes ou perigosos. O Punto Limpo conta con 28 contedores diferentes nos que se clasifican os residuos segundo a súa natureza.
En concreto, pódense levar ata alí voluminosos, como sofás, colchóns e demais mobles; residuos de aparatos eléctricos e electrónicos, como electrodomésticos ou lámpadas; restos metálicos do fogar; vidros de construción e planos; residuos perigosos como pilas, CD ou radiografías; e pinturas, aerosoles, tóners de impresora, plásticos agrícolas, entullos de obras menores entre outros.
É importante aclarar que só se poden deixar os residuos no interior e durante o horario de apertura, quedando totalmente prohibido deixalos na porta ou no contorno. O operario á fronte do Punto Limpo poderá orientar aos usuarios sobre o tipo de residuos permitidos ou calquera outra consulta.
Ao mesmo tempo, existen residuos que non se poden depositar, como é o caso de obxectos radioactivos, sanitarios, explosivos, industriais ou mesturados.
O alcalde cervense quere incentivar ademais a utilización e aproveitamento deste servizo, polo que anuncia a posta en marcha en breve dunha campaña de concienciación e información sobre o coidado do medio ambiente en xeral, e o uso do Punto Limpo en particular. “Toda a poboación cervense debe implicarse na protección do noso entorno natural a través de todas as iniciativas ao seu alcance, e o Punto Limpo é unha delas”.
Xunto coa posta en marcha do Punto Limpo, o Concello informa de que se mantén o servizo de recollida de residuos nos fogares que se viña prestando ata o de agora e que será complementario á existencia deste centro. Para solicitalo os usuarios poden contactar co Concello.