Site icon Crónica3.com A Mariña

“O reparto de subvencións a asociacións e clubs deportivos foi unha mostra máis da política partidista do equipo de desgoberno de Burela” segundo os socialistas locais

Dende o PSdG-PSOE de Burela xa detectamos que os malos hábitos históricos do Partido Popular de Burela volvían a aparecer dende o momento en que o equipo de “desgoberno” de Burela tomou posesión dos seus cargos no Concello.

A mentira, a política partidista, o beneficio propio, o enchufismo e as prácticas escuras foron unha práctica habitual nestes algo máis de dous anos de “desgoberno” do Partido Popular de Burela e así o vimos denunciando. Vistos os últimos acontecementos en relación ó reparto de cartos públicos a asociacións e clubs deportivos, non nos queda máis que manifestar que este reparto foi unha mostra máis destas maneiras de facer política, totalmente antidemocrática e cun tufo partidista que fan que unha noticia que debería de ser positiva, si se fixera dunha maneira transparente e cuns criterios obxectivos, pase a ser un motivo de enfrontamento entre asociacións e onde se ve claramente a discriminación que están a sufrir uns colectivos con respecto a outros.

Temos que dicir claramente, e así o recoñece o propio equipo de “desgoberno” de Burela, que as subvencións outorgadas foron a dedo, o criterio seguido foi o que Sr. Alcalde quixo, e vese claramente que os criterios foron de todo, menos obxectivos.

¿Alguén con algo de criterio pode dubidar que o Club Ciclista de Burela non está a facer un enorme traballo no impulso da práctica deportiva en Burela e poida quedarse sen ningún tipo de axuda? ¿Como pode ser que un dos colectivos con máis actividades durante o ano, senón o que máis, como pode ser o Colectivo Buril, que está a facer de substituto da Concellería de Cultura da que non se teñen noticias nin se esperan se poida quedar sen un só euro de subvención?

Está claro que si se mira detidamente o listado de subvencións concedidas temos cousas que chaman a atención. ¿É explicable que se de a unha confraría da Semana Santa 1.500 euros, e a unha asociación como Camiña, que traballa con nenos discapacitados psíquicos, 300 euros? Está claro que o Partido Popular de Burela prioriza as cuestións ideolóxicas, ás cuestións de servizos sociais, e este é un claro exemplo.

Aparte disto a actitude chulesca, macarra e despótica do Sr. Barcia se puxo de manifesto cando expulsou da reunión a un dos Clubs que tiñan interés en participar da xuntanza, actitude que pon de manifesto as formas do personaxe en cuestión. Pon de manifesto ben ás claras as maneiras de facer política do Sr. Barcia.

Está claro que o dedo volveu a funcionar unha vez máis en Burela, e tiña moi claro a que apuntaba. Só recordarlle é Sr Alcalde que os veciños e veciñas de Burela están a falar moito deste asuntos, e non precisamente ben. Este equipo de “desgoberno” partidista, prepotente e sectario ten os días contados no Concello de Burela.

Exit mobile version