Site icon Crónica3.com A Mariña

O BNG considera que o retraso na ampliación efectiva das cotas de pescada demostra a falla de peso político e a indolencia dos Gobernos galego e estatal cunha UE insensíbel ante un sector vital para a economía mariñá

A Mariña, 25 de outubro de 2013. O BNG da Mariña lamentou a paralización da ampliación das cotas de pescada que mantén parada a actividade dos barcos merluceiros que segue xerando a incerteza entre nun sector do que dependen centos de persoas directa e indirectamente. Os nacionalistas mariñaos volven cargar contra a UE á que acusan de insensíbel ante os efectos económicos e sociais deste retraso nunha ampliación que xa se daba por feita e que algúns trataron rapidamente de vender como mérito propio con titulares tan expresivos como o do parlamentario do PP, José Manuel Balseiro, que mellor lle sería estar calado xa que cada vez que fala sobe o prezo do pan. Dende o BNG mariñao atribúen este retraso á ausencia de peso político e a falta de capacidade de presión dos gobernos galego e estatal incapaces de defender ao sector ante a UE.

A UE É INSENSÍBEL AOS PROBLEMAS DO SECTOR PESQUEIRO GALEGO CADA VEZ MAIS AFOGADO POR DECISIÓNS INXUSTAS E AUSENTES DE RIGOR
Para o BNG mariñao coa paralización na decisión anunciada pola Comisión Europea de atrasar a aplicación efectiva dun aumento de cotas de pescada para o que queda de ano, “estamos diante doutra decisión insensíbel e ausente de rigor que xera mais incerteza se cabe nun sector do que dependen centos de familias na Mariña”. Á UE pouco lle importan as problemáticas das persoas que agardaban, dende o anuncio da pasada fin de semana, o retorno á actividade e que non saben de trámites administrativos ou burocráticos. Os nacionalistas insisten en que se existen informes científicos que avalan a existencia de stock suficiente para aumentar as cotas de pesca, o problema é político en non medio ambiental.

OS NACIONALISTAS PIDEN EXPLICACIÓNS DESTA PARALIZACIÓN AOS QUE A SEMANA PASADA SE ATRIBUÍAN MÉRITOS NA SOLUCIÓN DO PROBLEMA.
O BNG pediu ao parlamentario de pesca do PP, José Manuel Balseiro, explicacións sobre esta paralización na aplicación efectiva do aumento das cotas en 2013 xa que a pasada fin de semana non dubidou en atribuírse méritos cun artigo de opinión titulado “cos deberes feitos” que á vista do resultado mellor lle sería estar calado porque cada vez que fala sobe o prezo do pan. Os nacionalistas esixen explicacións que aclaren esta situación e instan á Xunta de Galiza e ao goberno do Estado a que exerzan as accións oportunas para desbloquear a situación e axilizar os trámites oportunos de cara a reiniciar a actividade pesqueira.

Exit mobile version