Onte púxolles fin, nos concellos de Ourol e do Vicedo, aos Obradoiros de lectura e escritura en galego, dirixidos ás persoas maiores, coa finalidade de crear un espazo onde os participantes compartiron o pracer da lectura e se aventuraron na escrita, e no que a lingua non foi un impedimento.
No día de hoxe, levouse a cabo no Concello de Alfoz a segunda sesión das Xornadas de actualización da Linguaxe administrativa galega, para os empregados dos concellos mancomunados, nas cales se resolveron dúbidas lingüísticas e se ampliaron coñecementos de linguaxe administrativa, seguindo os manuais e programacións que se imparten nos cursos de linguaxe administrativa galega que organiza a Secretaría Xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia.
Ademais destes dous cursos, o Servizo organizou outros como o de Preparación para o Celga no Concello de Foz, dun total de 60 horas, e que igualou aos ofertados pola Secretaría Xeral de Política Lingüística; e o Curso de iniciación á lingua galega para inmigrantes, que lle permitiu a este colectivo dos concellos de Ribadeo e de Burela un primeiro contacto coa lingua galega, oral e escrita, e mesmo acceder á información necesaria para a súa formación.
O programa de formación ofrecéuselles a todos os concellos que integran a Mancomunidade, realizando aqueles que foron máis demandados.
A técnico do Servizo sinala que os resultados foron moi bos, os cursos tiveron moi boa acollida e puidéronse acadar os obxectivos que se pretendían, informar e formar a cidadanía mariñá e promocionar o uso da lingua galega. O Servizo deixará de estar en activo nos vindeiros días e a técnico comenta que é una mágoa pois aínda queda moito traballo por facer.