Site icon Crónica3.com A Mariña

O Observatorio da Mariña pola Igualdade organiza en colaboración coa UNED e Radiofoz o V vídeo-forum ‘Mulleres no Mundo’

Coa chegada de novembro volta á Mariña unha das actividades máis asentadas e exitosas do Observatorio da Mariña pola Igualdade. O video-forum Mulleres no Mundo acada este ano a súa V Edición. Cinco anos nos que a través do cinema o Observatorio, en colaboración coa UNED e con Radiofoz, achega á cidadanía mariñá e galega a realidade vital de mulleres moi diversas pertencentes a ámbitos sociais e culturais moitas veces afastados e distantes. Máis de vinte películas proxectadas de diversas partes do mundo (Israel, Afganistán, Irán, Francia, India, Líbano, Serbia, Senegal, Ecuador, EE.UU, Arxentina, Perú, Bosnia Herzegobina, Canadá…) que deron lugar a interesantes debates e que, sobre todo, permitiron coñecer o traballo de importantes directoras de cinema, moitas veces descoñecidas, e a realidade de mulleres moi diversas.

Este V Video-forum Mulleres no Mundo será o máis europeo de todos, xa que das catro películas que se proxectarán coincide que unha é holandesa e dúas inglesas. Así mesmo, a metade das películas deste V Video-forum están dirixidas por mulleres. E ao igual que nas últimas edicións, por mor da boa acollida e co obxectivo de crear un ambiente máis agradábel e propicio para o debate e o intercambio de ideas a partir do visionado dos filmes escollidos, voltarase ao formato do café-debate. O Observatorio repartirá gratuitamente cafés e pastas ás persoas asistentes para axudar a crear un clima distendido no debate posterior ás proxeccións.

O V Vídeo-forum Mulleres no Mundo desenvolverase no salón de actos da UNED de Foz durante catro xoves consecutivos, a partir do 7 de novembro, en horario de 19 a 21 horas. O prazo de inscrición está xa aberto, e na actividade poden anotarse todas as persoas que o desexen, estándose a tramitar créditos de libre configuración para as persoas participantes. Quen desexe inscribirse na actividade, totalmente gratuíta, debe pórse en contacto coa UNED de Foz, ben escribindo un correo electrónico a foz@lugo.uned.es, chamando por teléfono ao 982 133 699 ou acudindo presencialmente ás aulas da universidade en Foz (sitas na rúa Castelao, s/n).

Ao igual que en pasadas edicións, as sesións do V Video-forum estarán guiadas por socias do Observatorio da Mariña pola Igualdade. A metodoloxía a seguir consiste en realizar unha breve presentación e contextualización do filme, para a continuación realizar o visionado da película que corresponda a cada día:

● 7 de novembro: Antonia. Dirección de Marleen Gorris. Paises Baixos (Holanda)

● 14 de novembro: An Educación. Dirección de Lone Scherfig. Reino Unido.

● 21 de novembro: Pago Justo. Dirección de Nigel Cole. Reino Unido.

● 28 de novembro: El Cairo 678. Mohamed Diab. Exipto.

A continuación, realizarase un debate e reflexión posterior sobre diferentes aspectos abordados en cada filme, seguindo sempre unha metodoloxía participativa e aberta na que a monitora sexa condutora das reflexións do grupo.

O principal obxectivo que persegue o Observatorio da Mariña pola Igualdade con esta iniciativa é a de darlle a coñecer á cidadanía galega, homes e mulleres, as realidades vitais de mulleres moi diversas. Deste xeito, pretendemos destacar, por un lado, que a discriminación de xénero é unha cuestión universal que afecta a todas as mulleres do mundo, aínda que adquire unhas materialización diferentes en función das continxencias que definen cada sociedade e cultura. E polo outro, que non hai un único xeito de “ser muller” nin unha esencia feminina, senón que a pluralidade de experiencias vitais e de desexos das mulleres obríganos a ter sempre en conta a enorme diversidade de mulleres. Alén deste obxectivo principal, desde o Observatorio preténdese tamén contribuír a pór en valor as contribucións das mulleres aos distintos eidos do saber, destacando neste caso o traballo das directoras de cinema.

Exit mobile version